Recordamos que segue sendo obrigatorio que as persoas que cheguen a Galicia, incluído ao noso municipio A Pobra do Brollón, dende unha zona de alta incidencia epidemiolóxica, notifiquen a súa chegada a Sanidade.
Todos os viaxeiros que cheguen a Galicia, tras permanecer dentro do período de 14 días anteriores á súa chegada en territorios que posúan unha alta incidencia do Covid-19, deberán comunicar os seus datos de contacto ás autoridades sanitarias, independentemente de que sexan residentes na comunidade ou non.
Os viaxeiros terán un tempo de 24 horas dende a súa chegada a Galicia para comunicar os seus datos de contacto, un trámite que terá que realizar cada un dos viaxeiros.
A Consellería de Sanidade actualiza quincenalmente a lista de países e territorios que requiran desta obriga: sergas.es/Saude-publica/benvida-viaxeirxs
A día de hoxe, a lista inclúe a a totalidade das comunidades autónomas de España (excepto Baleares, Canarias e a Comunidade Valenciana), 30 territorios europeos, todo o continente africano, e un gran número de territorios asiáticos e do continente americano.
Modos de proporcionar a información
Para facilitar a información, os viaxeiros poderán cubrir o formulario que estará dispoñible na web sergas.es/A-nosa-organizacion/Benvida-viaxeirxs ou subministrar os datos chamando ao teléfono 881 00 20 21.
Excepcións para persoas en tránsito continuado e outros supostos
As persoas que por motivos laborais ou similares realicen un tránsito continuado entre Galicia e outros territorios, deberán cubrir o formulario sen proporcionar a data de saída de Galicia.
Na web do Sergas, recóllense supostos como que facer se o desprazamento é a territorios distintos, ou se a estancia en Galicia é en varias localidades.
Que debo facer se teño síntomas compatibles coa COVID-19?
As persoas residentes na Comunidade Autónoma de Galicia deberán poñerse en contacto co seu médico de cabeceira, a través dunha consulta telefónica, para que este poida determinar o que proceda.
As persoas non residentes na Comunidade Autónoma de Galicia deberán poñerse en contacto co teléfono 881 00 20 21 a través do que recibirán as indicacións para acceder ás probas diagnósticas e, no seu caso, ao tratamento. Atenderáselles sen custo.
Algúns dos síntomas máis comúns compatibles coa COVID-19 son febre, calafríos, tose, sensación de falta de aire, diminución do olfacto e do gusto, dor de garganta, dores musculares, dor de cabeza, debilidade xeral, diarrea ou vómitos.