O luns 10 de agosto, Día de San Lourenzo, a Asociación veciñal ‘María Castaña’ de Cereixa en colaboración co Concello da Pobra do Brollón, celebra a festa de San Lourenzo dun xeito especial e adaptado ás circunstancias sanitarias.
A festa vénse celebrando dende hai cinco anos en formato romaría, dende que en 2016 recuperouse a tradición de levar cada 10 de agosto a imaxe do San Lourenzo dende a igrexa de Cereixa ata o castro.
A recuperación desta tradición lévase a cabo no marco do proxecto de arqueoloxía en comunidade no castro, grazas ao cal descubriuse unha edificación romana vinculada ao pasado mineiro da zona, así como os restos dunha igrexa e necrópole medievais, onde actualmente céntranse os traballos arqueolóxicos.
Precisamente as ruínas medievais serán o orixinal escenario do concerto de Laura LaMontagne e PicoAmperio, o evento central da edición 2020 da festa, que será un formato reducido no tempo e con entradas limitadas.
Un serán que comeza con María Castaña e acaba coas bágoas de San Lourenzo
A festa comezará a partir das sete da tarde cun paseo guiado dende o centro de Cereixa ata o Castro, seguindo o percorrido que noutros anos fixo a procesión da romaría. Será unha ruta polas historias íntimas e universais dos habitantes da parroquia ao longo da historia, entre eles, a personaxe revolucionaria María Castaña.
Unha vez arriba no castro, tras un descanso para refrescarse, comezará o concerto de Laura LaMontagne e PicoAmperio. O emprazamento da actuación, no sector medieval da croa do castro, é idóneo para a aventura musical e sensacional que provoca no público a mestura de hip hop, abstracción ambiental, folcore medieval e sensibilidade india que contén a música do dúo lucense.
O serán rematará sobre a medianoite cunha observación astronómica a cargo dun experto da Asociación de Astronomía de Ourense, aproveitando a ausencia de contaminación luminosa no lugar e a época especialmente favorable para observar as estrelas fugaces ‘bágoas de San Lourenzo’.
Venda de entradas
As entradas para asistir custan vinte euros, que se destinan integramente a cubrir os gastos do evento. O prezo inclúe un bolo preñado ou vegano, e unha pulseira a modo de entrada mais tamén de recordo desta edición tan especial.
Dende a organización piden a colaboración dos asistentes traendo unha cadeira ou hamaca, que os organizadores colocarán a modo de asentos para o concerto. Tamén animan a traer un vaso para as bebidas e así reducir residuos.
As entradas están á venda no restaurante O Fogón en Cereixa. Para máis información pódese contactar no teléfono 650 624 828.