Visitas guiadas verán 2020: Deseña o teu percorrido

Visitas guiadas verán 2020: Deseña o teu percorrido

17 Xullo 2020/concello/Xeral

Presentamos a nosa oferta de visitas guiadas gratuítas para este verán na Guimaralia.

Trátase dun programa modular de visitas para que as persoas interesadas deseñen o seu propio percorrido.

As visitas ofrécense dende o sábado 18 de xullo ao domingo 16 de agosto, tódolos días excepto luns.

Polas mañás entre semana presentamos a oportunidade única de visitar as dúas escavacións arqueolóxicas deste verán na Pobra do Brollón: Os Conventos, en Vilachá de Salvadur, e o Castro de San Lourenzo en Cereixa. 

escavación de Os Conventos poderase visitar en xullo. Pódese seguir os avances dos arqueólogos na procura dun mosteiro perdido na ribeira do Sil, nun enclave espectacular en plena Ribeira Sacra. 

Recomendamos combinar esta visita coa experiencia Adegas da Memoria, un percorrido polo conxunto de adegas tradicionais de Vilachá de Salvadur que inclúe explicacións históricas e unha cata de viños locais (a cata ten un coste de 3€).

En agosto, comezarán as visitas á escavación no Castro de San Lourenzo, un castro mineiro romano reocupado no medievo. Este verán os arqueólogos seguirán a desenterrar a necrópole medieval situada no castro. 

Nas fins de semana ofrecerase a visita á Cova das Choias na parroquia de Óutara. Explora un mundo subterráneo de musgo luminescente, colonias de morcegos e seres míticos.

As visitas ás escavacións de Os Conventos e o Castro de San Lourenzo son sempre ás 10:00. O resto de visitas son baixo demanda. Todas son con previa reserva.

Ofreceranse para grupos de mínimo 5 e máximo 15 persoas, excepto a da Cova das Choias que é para un máximo de 10 persoas. 

O uso de máscara durante a visita é obrigatorio.

Para máis información ou para reservar hai que contactar no 650 624 828 (chamada ou WhatsApp).



RELACIONADO