O Concello reúnese con Comunidades de Montes e Asociacións Veciñais para establecer vías de colaboración

O Concello reúnese con Comunidades de Montes e Asociacións Veciñais para establecer vías de colaboración

12 Marzo 2020/concello/Xeral

Representantes do Concello da Pobra do Brollón reuníronse coas directivas das Comunidades de Montes e Asociacións de Veciños para poñer en común as políticas culturais e turísticas para os próximos anos e buscar vías de colaboración.

A reunión tivo lugar o sábado pasado na Casa da Cultura con representación de Comunidades de Montes e Asociacións Veciñais de 14 parroquias e coordinada polo técnico municipal de turismo e cultura, Xosé Gago.

Na reunión participou o alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda, quen subliñou a importancia de ‘establecer redes de colaboración na Guimaralia’ e ‘ser un gran pobo unido para saír adiante’. ‘O abandono do rural é un feito’ – comentou na reunión – ‘temos que aproveitar as posibilidades que temos; trátase de resistir con espírito guímaro’. 

Na reunión tratáronse as iniciativas coas que se pretende buscar esa dinamización en colaboración coas parroquias. Está en marcha a programación cultural descentralizada – as Foliadas Guímaras, por exemplo – así como as propostas turísticas e patrimoniais: ciclos de andainas, visitas guiadas, e dous frutuosos proxectos de arqueoloxía en comunidade (o Castro de San Lourenzo e Adegas da Memoria). A intención é que este tipo de propostas se poidan ampliar e estender a outras parroquias do concello.

Gago insistiu ademais na disposición ao servizo das parroquias das vías de comunicación do Concello – redes sociais, servizo de prensa, cartelería – á hora de difundir as súas actividades e iniciativas. Tamén se pretende crear unha axenda cos calendarios de eventos e festas de tódalas parroquias.

Maceda comentou que “existen propostas que se fan dende o Concello cara as parroquias, mais isto debe ir nas dúas direccións e tamén estaremos atentos ás propostas culturais e patrimoniais que saian dende as parroquias cara o Concello”.

Nos próximos días as asociacións veciñais e comunidades de montes que non puideron asistir recibirán unha carta informativa sobre os temas cubertos na reunión. Solicítase que as directivas que non estean recibindo as cartas contacten co Concello para actualizar os seus datos. 



RELACIONADO