Celebramos o Orgullo este venres 19 cunha exposición, obradoiros e foliada

Celebramos o Orgullo este venres 19 cunha exposición, obradoiros e foliada

18 Xullo 2024/concello/Xeral

Este venres 19 de xullo, o Concello da Pobra do Brollón organiza un serán para celebrar o Orgullo Guímaro. O evento é parte dunha programación desenvolta ao longo do mes para conmemorar o 28 de xuño, Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+.

A celebración comeza ás 20:15 na Casa da Cultura ‘Olga Novo’ coa inauguración da exposición ‘O amor entre mulleres, alén das marxes’, composta por unha serie de obras da ilustradora e veciña Paula Dacal.

Despois, ás 20:45, terá lugar o obradoiro ‘Ruralidades Queer’ en colaboración con Sete Outeiros, tamén na Casa da Cultura. Segundo comentan dende Sete Outeiros, o obxectivo do obradoiro é ‘crear un espazo para xente LGBTI+ do rural para falar das nosas vidas, necesidades, e o noso lugar na sociedade’. E engaden, ‘convidamos a xente non-quir (cis hetero) a participar no diálogo de como crear unha sociedade que nos fai a vida de todes mellor xuntes’.

A partir das 21:30, o evento trasladarase aos bares do Avenida de Galicia da Pobra do Brollón cun obradoiro de baile tradicional a cargo de Gabi Reboredo, seguido dunha ‘foliada queer’.

O evento é organizado polo Concello da Pobra do Brollón e conta con financiamento por unha parte da Deputación de Lugo e por outra, da Consellería de Política Social e Igualdade e do Ministerio de Igualdade no marco do Plan Corresponsables.



RELACIONADO