O Albergue municipal da Pobra do Brollón cumpre seis meses

O Albergue municipal da Pobra do Brollón cumpre seis meses

18 Xaneiro 2024/concello/Xeral

O Albergue municipal, situado ao carón do colexio na Avenida de Outeiro, cumpre seis meses dende que abriu a mediados de xullo do ano pasado. Falamos coa concesionaria da xestión, Anabel Alves, para repasar como lles foi, e as súas perspectivas para o 2024.

Conta Anabel que dende que abriron, as 36 prazas do albergue tiveron unha ocupación media diaria do 15%. Os hóspedes son na súa maioría, sobre un 80%, peregrinos e peregrinas que realizan o Camiño de Inverno e rematan etapa no noso municipio.

O albergue tamén recibe turistas e outros visitantes, atraídos en parte por actividades e eventos programados na Pobra do Brollón como son o festival As Cores do Outono, o Trail Capela do San Vitoiro, e proximamente, o Entroido de Salcedo.

Anabel salienta as diversas procedencias da clientela. Xa se hospedaron persoas de Estados Unidos, Canadá, Italia, Alemaña, Francia, Israel, Taiwán, Nova Zelandia, Australia, a República Checa, Romanía, México e Colombia.

Para ilustrar esta diversidade, comenta que os primeiros en estrear o albergue foron dous franceses, e os últimos hóspedes do ano, dous galegos e un peregrino de Texas.


Anabel e Sandra cos dous primeiros hóspedes do albergue


Os últimos hóspedes de 2023

Os hóspedes valoran moito os servizos do albergue, así como a posibilidade de ter un almorzo preparado. Para as comidas e ceas, o albergue colabora cos locais de hostalería da Pobra que fan entregas directamente á porta. A clientela tamén pode usar as instalacións para preparar a súa propia comida.

Ademais dispoñen no albergue dun punto de venda de produtos locais, sendo o viño de Vilachá, o mel e a artesanía os produtos máis comprados.

De cara ao presente 2024, Alves comenta que xa teñen reservas para datas próximas como o Entroido, pero tamén para os meses de verán. Esperan ademais acoller varias visitas escolares. Para atender as reservas, teñen previsión de incorporar a unha cuarta persoa para unirse ao equipo de tres mulleres que actualmente xestionan o albergue.

Dende o Concello desexamos que Anabel e o seu equipo continúen co bo traballo para que neste novo ano aínda máis visitantes poidan coñecer e gozar da Pobra do Brollón.

Pódese contactar co Albergue da Pobra do Brollón no teléfono 609490491 ou por email albergueapobradobrollon@gmail.com. Máis información na súa web www.albergueapobradobrollon.com.

 



RELACIONADO