Como nos afecta a entrada á fase 1 da desescalada

Como nos afecta a entrada á fase 1 da desescalada

11 Maio 2020/concello/Xeral

A partir de hoxe luns 11, o Goberno central flexibiliza as medidas para a contención do coronavirus. Galicia entra así na fase 1 do "plan de transición cara a unha nova normalidade", que durará ao menos 14 días. 

Non poderán facer uso das medidas as persoas contaxiadas por COVID-19, que presenten síntomas ou que estean en illamento por ter un contacto estreito cunha persoa contaxiada.

Unha lista extensiva das medidas pódese consultar nesta guía publicada polo Ministerio de Sanidade, e tamén na orde do BOE do sábado 9

A continuación resumimos algunhas das medidas máis pertinentes para a veciñanza da Pobra do Brollón polas características do noso concello.

Grupos de persoas

Permítense grupos de ata 10 persoas, mantendo a distancia interpersoal de 2 metros, ou outras medidas físicas se isto no fose posible; así como a hixiene de mans e etiqueta respiratoria (tusir no cóbado, etc.)

Desprazamentos

A partir de hoxe, os residentes na Pobra do Brollón poderán circular por toda a provincia de Lugo, sempre respectando as medidas de seguridade e hixiene. Os desprazamentos fóra do fogar poden realizarse de 6:00 da mañá a 23:00. 

Transporte en vehículos de turismo

Nos coches particulares pódense ocupar todas as prazas, se os viaxeiros residen no mesmo domicilio. Neste caso tampouco precisan usar máscaras.

Se os viaxeiros non conviven, poden ir dúas persoas por cada fila de asentos, usando máscaras e respectando a máxima distancia posible. 

En taxis poden desprazarse dúas persoas por cada fila de asentos, excepto na do condutor, na que viaxará só. Se todos os viaxeiros conviven, poden ir tres persoas por cada fila, excepto na do condutor.

Pódese consultar máis detalles sobre as medidas relacionadas co transporte nesta nota publicada polo Goberno central

Bares e restaurantes

Poden abrir as terrazas ao aire libre, cun 50% das mesas. Poden xuntarse ata 10 persoas por mesa ou agrupación de mesas. Informaremos nas nosas redes sociais segundo vaian abrindo os bares da Pobra.

Entre un cliente e outro, deberase limpar e desinfectar as mesas, cadeiras e demais superficies de contacto.

Fomentarase o pago con tarxeta. Os traballadores deben usar equipo de protección cando non se poida manter a distancia interpersoal de 2 metros. 

Dende o Concello estamos a repartir líquido desinfectante para uso dos clientes dos locais de hostalería e comercios.

Comercios e mercados

Mantense a medida da fase 0, coa que poden abrir establecementos de menos de 400 metros cadrados. Estes abrirán con un 30% do aforo total e garantindo a distancia mínima de 2 metros entre clientes. Debe haber un horario con servizo prioritario para maiores de 65 anos.

Tamén poden abrir os mercados ao aire libre, cun 25% dos postos habituais e un terzo do aforo habitual. Informaremos nas nosas redes sociais cando se comece a celebrar a feira da Pobra.

Educación e cultura

Os centros educativos – no noso caso, o CEIP da Pobra – poden abrir para a súa desinfección, acondicionamento e realización de funcións administrativas.

As bibliotecas tamén poden abrir. A biblioteca municipal da Pobra do Brollón abrirá de luns a venres de 10:30 a 13:30, coas condicións que se poden consultar neste documento PDF.

Tamén poderanse celebrar eventos culturais con límites de aforo, así como actividades de turismo activo e de natureza para grupos reducidos. Iremos informando no caso de organizarse algún evento neste sentido dende o Concello. 

Deporte non profesional

Pódese acceder ás instalacións deportivas ao aire libre para o deporte individual ou deportes cun máximos de dúas persoas, sempre que non haxa contacto físico e se manteña a distancia interpersoal de dous metros.

A área recreativa de Samugueiros está aberta, excepto o parque infantil.

Nos centros deportivos pechados, a práctica debe ser individual e con cita previa.

Outros apuntamentos

Permítese tamén o acceso a lugares de culto, sen superar o terzo do aforo, e mantendo a distancia interpersoal de 2 metros. 

Como xa publicamos hai uns días, están abertas as oficinas municipiais e de Servizos Sociais para a atención ao público, preferentemente con cita previa e nos horarios aquí detallados

Dende o Concello estamos a repartir máscaras entre toda a poboación do concello para o seu uso nos casos nos que sexa necesario (en transporte público ou en situacións nas que non sexa posible manter a distancia de seguridade interpersoal de dous metros). 



RELACIONADO