La programación estival arranca este viernes con una 'foliada' en las bodegas de Vilachá

La programación estival arranca este viernes con una 'foliada' en las bodegas de Vilachá

29 Julio 2026/concello/Cultura
  • Esta semana tamén se proxecta Sirât, a multipremiada película de Óliver Laxe, hoxe mércores 29 dentro do Ciclo Mestre Mateo

Unha foliada en Vilachá de Salvadur, animada pola agrupación tradicional Os Ministreles, será o primeiro gran fito da axenda cultural de verán na Pobra do Brollón. Terá lugar este venres 31 de xullo a partir das 20:30 horas no conxunto de adegas medievais da Abelaira. Haberá adegas abertas servindo viño e petiscos. A foliada, como todos os eventos da programación do Concello da Pobra do Brollón, é de acceso libre e gratuíto.

O evento en Vilachá dará paso a unha axenda repleta de propostas culturais. Nas tardes dos mércores 5, 19 e 26 de agosto haberá xogos populares na área recreativa Samugueiros. Calquera persoa pode achegarse entre as 17:30 e as 20:30 para participar en xogos tradicionais como a chave, a tira-soga, os bolos celtas ou a petanca.

As tres tardes de mércores en Samugueiros rematarán con espectáculo: o día 5, cun concerto do cantautor punk O Leo i Arremecághona dentro da súa xira de 'Unha lapa lene'; o mércores 19, o dúo Nico Mao & María Oxeito interpretará cancións propias e versións en diferentes estilos musicais usando voz, guitarra e melódica; finalmente, o día 26, haberá un espectáculo de maxia de A Maga Fani. Os tres eventos empezan ás 21:00 horas.

O teatro tamén ten un oco na programación da Pobra do Brollón. Será o xoves 13 de agosto co espectáculo 'Movendo os marcos' da agrupación teatral galega-catalá Furafollas. A obra, que comezará ás 21:00 na Casa da Cultura 'Olga Novo', busca 'mover os marcos físicos e mentais', facendo un repaso en ton irónico da nosa historia desde o século XX, incidindo no impacto das tecnoloxías dixitais.

Na axenda estival da Pobra do Brollón hai ademais dúas datas sinaladas que ano tras ano atraen a veciños e visitantes. A primeira, a Romaría de San Lourenzo que o 10 de agosto celebra a súa novena edición no castro de Cereixa, organizada pola Asociación veciñal María Castaña. A segunda, a tradicional Romaría de San Vitoiro, unha festa con xantar de campo, música e confraternidade que se celebra en Saa o 27 de agosto, sendo ademais festivo local no concello da Pobra do Brollón.

A programación compleméntase co Ciclo Mestre Mateo, unha iniciativa da Academia Galega do Audiovisual grazas á cal está a chegar o mellor cine galego actual a diferentes parroquias do municipio nos meses de xullo, agosto e setembro. Este mesmo mércores 29 proxectarase Sirât de Óliver Laxe, comezando ás 20:30 horas na Casa da Cultura 'Olga Novo'. Tamén haberá outras seis proxeccións repartidas por Cereixa, Canedo, Vilachá, Óutara, Salcedo e Eixón.

Os eventos de verán na Pobra do Brollón pechan o domingo 6 de setembro co V Trail e Andaina Capela do San Vitoiro. As inscricións xa están abertas nas súas distintas modalidades: trail de 28km e 14 km e andaina de 14 km e 9 km.



RELACIONADO