Entroido 2025: Programa

Entroido 2025: Programa

24 Febrero 2025/concello/Xeral

Dende este 27 de febreiro, xoves de comadres, ata o martes 4 de febreiro, celebramos o Entroido na Pobra do Brollón e, especialmente, na parroquia Salcedo. Detallamos aquí a programación.

O sábado 1 de marzo, o Concello da Pobra do Brollón organiza o desfile de Entroido. Comparsas, carrozas e disfraces percorrerán as rúas da capital municipal, animados pola Charanga Terras do Bibei.

O desfile sairá ás 17:00 horas do cruce da estrada de Saa e finalizará na área recreativa Samugueiros. Como en anos anteriores, convócase un concurso para premiar aos mellores disfraces, carrozas e comparsas, en base aos criterios de montaxe, elaboración, orixinalidade, humor e materiais utilizados.

Os premios entregaranse o propio día ao remate do desfile na área recreativa. Para participar, é preciso inscribirse antes do 28 de febreiro na Biblioteca municipal, en horario de 10:30 a 13:30 horas, de maneira presencial ou no teléfono 982 430 546. Consulta máis información e as bases do concurso aquí.

Compadres e comadres

Antes do desfile, o día 27, celébrase o xoves de comadres. Ao igual que no xoves de compadres, vólvese convocar un concurso para premiar ás mellores figuras nas categorías de individuais e colectivos. Tamén está programada a queima das figuras a partir das 18:30 na Praza da Peza, con chocolatada popular e actuación da Escola de Música 'Samoeiro'.

O prazo de inscrición no concurso de comadres remata este mércores 26 e debe realizarse na Biblioteca municipal. Os premios de comadres e compadres entregaranse ao remate do desfile de Entroido na área recreativa. Máis información neste enlace.

Entroido de Salcedo

A parroquia de Salcedo, pola súa banda, xa presentou o seu cartel de Entroido. A programación arranca o sábado 1 de Marzo, cunha función de teatro popular a partir das 22.00 horas. A partir da medianoite, haberá concerto do grupo 7rojo e para finalizar un DJ.

O domingo 2, a programación comeza ás 16:30 coa actuación de Aikirindo, e ás 17:00, o pregón a cargo de Juan Fuentes, presentador do programa da TVG Quen anda aí?. Deseguido, terá lugar a saída das Madamas e Danzantes e os Disfraces de Campo.

Ás 22.00 horas, haberá nova función de teatro popular e a partir das 00:15 horas, verbena a cargo do Dúo Triada e a Orquestra Triunfo, con DJ ao remate.

O luns ás 17.00 horas sairá o Oso de Salcedo, con pasarrúas da charanga Terras do Bibei, Mekanica Rolling Band e Duendeneta. A partir das 21.00 horas, haberá cea popular con food truck e á medianoite, verbena coa orquestra La Ocaband.

O último día, martes 4, ás 17:30 horas haberá espectáculo de maxia a cargo de Trécola Producións e á noite, a partir das 21.00 horas, ofrecerase cea popular a base de paella, seguido de baile con orquestra Metrópolis.



RELACIONADO