La cuarta edición del festival de improvisación oral Brindadeira se celebra este fin de semana en Ferreiros

La cuarta edición del festival de improvisación oral Brindadeira se celebra este fin de semana en Ferreiros

13 Julio 2026/concello/Cultura

A parroquia de Ferreiros na Pobra do Brollón acolle por cuarto ano consecutivo o festival Brindadeira. Cine, música, xogos, un taller de brindo e mesmo un concurso de tortillas, protagonizan a programación este sábado 18 e domingo 19 de xullo.

Brindadeira xurdiu dunha iniciativa do goberno municipal para recuperar a tradición do brindo, un xénero de improvisación oral cantada propio de terras da Pobra do Brollón, así como doutras zonas da montaña lucense e incluso do Bierzo.

Esta cuarta edición do festival Brindadeira é novamente organizada polo Concello da Pobra do Brollón en colaboración coa asociación veciñal de Ferreiros e co apoio da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Toda a programación terá lugar no local social e no campo da festa de Ferreiros.

O evento arranca o sábado 18 ás 18:30 horas coa proxección, no marco do Ciclo Mestre Mateo, da longa documental Ao son da nova regueifa. Dirixido por Manolo Maseda e Saúl Rivas, o filme é unha viaxe por Galicia na procura das pontes construídas entre a regueifa tradicional e as súas expresións máis contemporáneas.

Tras a proxección, ás 20:00 horas, comezará o obradoiro de brindos. A participación é libre e dirixida a público de todas as idades con interese en aprender e practicar de xeito divertido e didáctico esta forma de improvisación oral.  

A partir das 21:00 horas, a música adquire protagonismo en Brindadeira cun concerto de A Voz das Mouras, proxecto musical que combina voz, pandeireta e guitarra dun grupo de mulleres ourensás vinculadas á música tradicional galega.

A proposta busca remexer os estereotipos vinculados ao xénero a través de arranxos de pezas coñecidas e mesmo composicións propias, empregando a retranca e o humor como fío condutor. A formación conta ademais coa artista xorda Ruth Lovera, especialista en Lingua de Signos Española (LSE), para ofrecer concertos inclusivos. A noite rematará con baile e ton festeiro cunha sesión de La Sincereza DJ.

O domingo, o festival retomarase a partir das 11:30 horas coas 'Brind'Olimpiadas'. Realizaranse probas por equipos nas que, mediante o xogo, se practicará o aprendido no obradoiro de sábado: dende facer rimas ata construír unha copla completa. Rematará cunha gran proba final onde os equipos terán que demostrar canto saben sobre o brindo e sobre a parroquia de Ferreiros. A participación é libre e non é necesario ter asistido ao obradoiro do sábado para xogar.

Brindadeira culmina coa II Cata de tortillas, tras o éxito da iniciativa na edición anterior do festival. A organización anima aos asistentes a levar unha tortilla para compartir na cata colectiva; as tres máis votadas recibirán un premio.

Toda a programación é de entrada libre e de balde. 

 



RELACIONADO