Este venres 29 de novembro comeza na Pobra do Brollón a edición XV do Concurso de Tapas da Guimaralia. Ata o día 5 de decembro poderanse probar as propostas dos seis bares participantes e entrar nun sorteo votando pola tapa favorita.
Catro locais participan na propia Pobra do Brollón: Avenida, A Vella Taberna, Primeiro de Maio e Bar Pirata. Fóra da capitalidade, participan A Salanova en Salcedo e mais O Fogón en Cereixa.
Cada tapa debe incluír ao menos un ingrediente dalgún produtor local do municipio da Pobra do Brollón e dito ingrediente debe ir explicitado no nome do pincho.
As propostas foron catadas previamente por dous profesionais da hostalería: o cociñeiro Diego Martínez e o sumiller Marcos Eiré. A cata está dirixida a garantir os estándares de calidade dos pinchos e asegurar o cumprimento das condicións.
A elección do primeiro, segundo e terceiro premio será, coma sempre, por votación popular. Cada votante debe elixir a súa tapa favorita nunha tarxeta de voto debidamente selada por todos os bares participantes. Os e as votantes entrarán nun sorteo dunha noite con circuíto termal no Hotel Iberik Augas Santas de Ferreira de Pantón.
As tapas do concurso teñen un prezo único de 1,50€. Pódense probar en horario de 12:00 a 14:00 e de 19:00 a 22:00 horas. Os establecementos están abertos todos os días, coa excepción do luns, cando pechan por descanso A Vella Taberna e O Fogón, e o mércores ao mediodía, cando descansa A Salanova.
O Concurso de Tapas terá lugar dende o 29 de novembro ata o 5 de decembro, dando paso aos Cantos de Taberna que terán lugar durante a tarde-noite do venres 6 de decembro.