O festival de música galega de raíz As Cores do Outono, unha iniciativa do Concello da Pobra do Brollón, cumpre dez anos. Celebrarase a última fin de semana de setembro cun cartel moi completo: o sábado con concertos de Mercedes Peón e Maricarme, unha alborada-vermú e mais obradoiro de baile con Xisco Feijoó, e o venres cunha conversa musicada con Fuxan os Ventos.
É unha edición de aniversarios, na que se cumpren 10 anos do festival, e tamén os 50 anos de Fuxan os Ventos e 20 anos dende a publicación do primeiro disco de Mercedes Peón a través do seu espectáculo Ingrávida.
As Cores do Outono é unha iniciativa do Concello da Pobra do Brollón que conta con financiamento da Deputación de Lugo a través do Plan Deputación de Cooperación cos Concellos e máis da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación.
‘As Cores de Outono forma parte dunha estrutura provincial que resignifica a música e a cultura galegas xunto con encontros como a Foliada da Fonsagrada, Pardiñas ou a Noite Meiga,’ apunta a deputada de Cultura, Iria Castro. E engade, ‘vivimos un importante momento cultural no que a xente nova se identifica coa tradición e ten incorporado ao seu léxico festivo, por exemplo, o baile tradicional’.
Dende a organización detallan que nesta décima edición se busca homenaxear a historia recente da música galega: o rexurdir no post-franquismo con Fuxan os Ventos, a procura de novas sonoridades dos primeiros 2000 con Mercedes Peón, a recollida e instrumentación con Xisco Feijoó e o momento actual representado por Maricarme.
‘Procuramos espectáculos para todos os públicos, en diversos espazos, cos que tamén deslocalizamos o festival coa actividade en Canedo,’ comenta o alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda.
Na parroquia de Canedo, aproveitando que están en festas, arranca a programación do sábado. Será a partir das 11:00 h da mañá cunha alborada-vermú con Xisco Feijoó, na que interpretará pezas froito da intensa labor de recollida que leva feito ao longo da súa carreira. Anímase a que os asistentes leven instrumentos para participar da alborada.
O mesmo Xisco Feijoó dará o sábado pola tarde un obradoiro de baile tradicional. Será ás 18:00 h na Praza da Condesa, no núcleo histórico da Pobra do Brollón. Durará dúas horas, comezando por iniciación e rematando con perfeccionamento. As persoas interesadas deben anotarse no teléfono 650 624 828, xa que as prazas son limitadas.
O sábado á noite serán os concertos, comezando ás 21:00 h con Maricarme, formación que xunta tres recoñecidas caras do panorama musical galega: Antía Ameixeiras, Cibrán Seixo e Migui Carballido. O resultado é un folk orixinal e poderoso que mestura voz, instrumentos e sonoridades máis electrónicas, dende a tradición oral ás composicións propias e moi bailables.
A música continúa co espectáculo Ingrávida, no que Mercedes Peón festexa os 20 anos dende a publicación do seu primeiro disco, Isué. Será unha festa musical a cabalo do acústico e da electrónica na que homenaxea a creación colectiva. Peón estará acompañada no escenario por unha grande elenco de mulleres artistas: As Xirifeiras, Caamaño&Ameixeiras, Mónica de Nut, Raigañas de Cerqueda, Galíricas, Icía Varela, Gisela Sanmartín e Ana Fernández.
En tanto no pobo medre
Con motivo da exposición 'Fuxan os Ventos. 50 anos de historia' que está a percorrer Galicia, na 10ª edición de As Cores do Outono contarase cunha charla e proxección fotográfica arredor deste grupo fundamental na historia da música galega.
Será o venres 27 ás 20:00 horas na Casa da Cultura ‘Olga Novo’ e participarán varios integrantes de Fuxan os Ventos ademais de moitas sorpresas musicais. No evento haberá barra e caldo. Anímase aos asistentes a levar cunca e culler.