Chega a IV Romaría de San Lourenzo o sábado 10 en Cereixa

Romaría de San Lourenzo Cereixa A Pobra do Brollón

Chega a IV Romaría de San Lourenzo o sábado 10 en Cereixa

09 August 2019/concello/Cultura

Mirar o programa aquí

O día de San Lourenzo, o sábado 10 de agosto, a Asociación de Veciños ‘María Castaña’, coa colaboración do Concello da Pobra do Brollón, organiza unha romaría con máis de 12 horas repletas de música e festa no Castro de San Lourenzo, Cereixa.

Foron os veciños de Cereixa os que se animaron a recuperar en 2016 a tradición de levar a imaxe do San Lourenzo dende a igrexa no centro do pobo ata o castro que leva o seu nome. Nese ano, o arqueólogo e tamén veciño Xurxo Ayán propiciou a primeira intervención arqueolóxica para investigar e poñer en valor o Castro de San Lourenzo. 

Creouse unha nova tradición que une investigación científica e cultura popular, que se vén repetindo todos os anos dende entón. Nesta edición a Romaría coincide cunha campaña arqueolóxica centrada na escavación da igrexa e necrópole medieval do castro. Será nas ruínas da igrexa onde se coloque o santo tras a misa e procesión, para presenciar a festa que se desenvolverá no seu honor. 

Un día enteiro no castro

A xornada comeza ás 11 da mañá na actual igrexa parroquial de Cereixa. Trala procesión ao castro, con parada no río Saa para mollarlle os pés ao santo como indica a tradición, comeza a sesión vermú coa agrupación de música tradicional Samparasón. Tamén haberá unha pequena actuación dos participantes do campo de traballo internacional que están a apoiar os traballos arqueolóxicos. Esta actuación estará dirixida por unha das monitoras do campo, a profesora de baile tradicional Claudia Fidalgo. 

Trala sesión vermú hai un parón nas actividades para o xantar. Ao pé do castro haberá postos para tomar polbo e churrasco. A partir das 5 da tarde recomeza a programación, cunha visita guiada ás escavacións realizada por Xurxo Ayán e obradoiros varios para todas as idades. 

Luscofusco musicado

Volve a música a partir das 7 da tarde coa proposta de ‘Serán no Burato dos Mouros’. Este ‘burato’ é unha antiga mina na ladeira da muralla do castro que foi utilizada como agocho polo profesor republicano Don Esteban. Haberá actuación con músicos locais preparada ad hoc para este escenario tan significativo. 

Despois, Claudia Fidalgo ofrecerá un obradoiro de baile tradicional, ao que seguirá unha foliada. Para coller forzas para a festa, haberá posto de bolos preñados. Ás 11 da noite será a actuación de The Show Bass, grupo de rocksteady, R&B e soul xamaicano. A celebración seguirá ata máis alá da medianoite con Os Costaleiros do Día Anterior, colectivo de DJs cumbieiros. 

Á noite, como vén sendo tradición dende o inicio da recuperación da Romaría, virá un astrónomo cun telescopio para quen se anime a observar o ceo nocturno e as bágoas de San Lourenzo.



RELACIONADO