O venres 27 comeza un ciclo de obradoiros de brindo

O venres 27 comeza un ciclo de obradoiros de brindo

20 January 2023/concello/Cultura

O brindo é un xénero de improvisación oral cantada, propio de terras da Pobra do Brollón así como doutras zonas da montaña lucense e mesmo do Bierzo. 

O Concello da Pobra do Brollón inicia este venres 27 unha serie de obradoiros para aprender a arte do brindo. Serán a cargo de Sara Marchena e Alba María, dúas das máximas representantes da improvisación oral en Galicia na actualidade. 

Cada mes, haberá un obradoiro nun bar diferente do municipio. Están orientados a todos os públicos e todas as idades, con ou sen experiencia na improvisación. O ciclo comeza este venres 27 ás 20:15 no Bar Pirata, coa participación a maiores de dúas convidadas, Nuria Penas e Lorena Medela, pertencentes á nova xeración de regueifeiras . 

O mesmo venres á tarde, Sara e Alba impartirán un obradoiro no colexio da Pobra do Brollón, aínda que os nenos e nenas poderán tamén asistir ao obradoiro aberto despois no bar.

“Estes obradoiros forman parte dun conxunto de actividades que desenvolveremos ao longo do ano arredor do brindo e da improvisación oral,” comenta o técnico de cultura, Xosé Gago. “Queremos facer comunidade recuperando e traendo á contemporaneidade este patrimonio inmaterial guímaro.”

O brindo tradicionalmente asóciase ás vodas, e as súas estrofas improvisadas usábanse polo xeral para o eloxio ou a homenaxe. Nos obradoiros de brindo búscase respectar a esencia e estrutura, aínda que ampliando e variando o seu ámbito de aplicación e uso.



RELACIONADO