Esta fin de semana retómase a actividade ‘Guimaralia: Acción Cultural’ dando continuidade aos obradoiros de brindos guímaros organizados dende o Concello da Pobra do Brollón, con financiación da Unión Europea-NextGenerationEU a través da subvención Territorio Cultura.
Desta volta, as integrantes de Erre que Erre desprazaranse ao Furancho O Currio en Trasmonte, parroquia de Vilachá de Salvadur. ‘En anteriores obradoiros, traballamos a rima e a métrica. Agora progresivamente iremos facendo máis fincapé nos contidos,’ comentan dende o colectivo de improvisación oral.
O obradoiro será este sábado 3 de xuño ás 20:15. É gratuíto e non é preciso ter asistido aos anteriores para participar. Dende o Furancho comentan que é previsible que tras o obradoiro se forme unha foliada, polo que animan aos asistentes a subir instrumentos.
Paralelamente, dende o propio Furancho organizan a II Convivencia Poética, na que varias poetas galegas pasarán a fin de semana na aldea convivindo, visitando a zona e creando. As poetas participantes nesta edición son Nuria Vil e Lucía Aldao, mais Noa Moreira que exercerá de anfitrioa como poeta local.
A convivencia desembocará o domingo 4 nun vermú artístico aberto ao público. Comezará a partir das 13:00 e haberá recitais das poetas e micro aberto. Tamén participarán no vermú as artistas plásticas Mushu e A Flaira, que farán unha intervención chamada ‘Peras ao viño: Sobremesa artística’ na que pintarán en directo durante o evento.
A actividade cultural guímara continuará a fin de semana seguinte coas Festas do Corpus na capitalidade municipal e concerto de Davide Salvado o sábado 10 de xuño.
Toda a programación pódese consultar aquí: concellodapobradobrollon.gal/axenda