O orzamento para o Centro de Atención a Maiores da Pobra do Brollón incrementa en 756 mil euros

O orzamento para o Centro de Atención a Maiores da Pobra do Brollón incrementa en 756 mil euros

28 March 2023/concello/Xeral

Hoxe aprobouse no pleno provincial unha modificación orzamentaria para ampliar en 756 mil euros o orzamento para a construción do Centro de Atención a Maiores da Pobra do Brollón, no marco do convenio asinado entre o Concello e a Deputación de Lugo.

O alcalde Xosé Lois Maceda acudiu ao Pleno provincial esta mañá acompañado da vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro, quen xogou un papel fundamental neste avance tan beneficioso para a veciñanza guímara.

Os fondos para executar as obras pasaron así de 1,74 a 2,44 M€, acorde coa suba de prezos no sector da construción, despois de que o prazo de presentación de ofertas do último concurso rematara sen que se presentasen ofertas por considerar que o orzamento era insuficiente.

Anteriormente, no primeiro concurso que si fora licitado, a empresa acabou incumprindo o contrato porque considerou que tería perdas, entrando deste xeito nun período de varios meses de desacordo xudicial.

Dende o equipo de goberno da Pobra do Brollón, o alcalde Xosé Lois Maceda explica que o incremento orzamentario era necesario xa que os prezos iniciais do proxecto, que se remonta a 2018, quedaron desfasados.

Maceda celebra, pois, que a Deputación de Lugo adoptase a decisión, que el considera “un paso fundamental para que por fin se faga realidade esta obra tan necesaria para a veciñanza da Pobra do Brollón”. 

“Hoxe é un día de satisfacción para A Pobra do Brollón xa que se aceleran os prazos de execución da residencia, que se vai construír con total seguridade,” asegura o rexedor.   



RELACIONADO