A Pobra do Brollón recibe do IES Daviña Rei material para apoiar ao seu alumnado

A Pobra do Brollón recibe do IES Daviña Rei material para apoiar ao seu alumnado

03 February 2021/concello/Xeral

O Concello da Pobra do Brollón, a través da área de Servizos Sociais, recibiu do IES Francisco Daviña Rei material escolar e informático para apoiar ao alumnado do noso municipio. 

O CEIP da Pobra do Brollón está adscrito a este IES de Monforte, que recibe aos estudantes da Pobra cando rematan a Educación Primaria. 

O alcalde da Pobra, Xosé Lois Maceda, reuniuse o pasado venres coa educadora familiar Mónica Carballo e a xefa do Departamento de Orientación do Daviña Rei, Nieves Domínguez. O alcalde manifestou o seu agradecemento pola mediación na cesión de recursos que cheguen ao alumnado e familias desta localidade, e comentou con Nieves posibles colaboracións futuras. 

Foron varias as achegas do instituto monfortino cara ao alumnado da Pobra a través de Servizos Sociais do Concello. Entre estas achegas inclúese material sanitario como máscaras, e tamén, a través da ANPA do Daviña Rei presidida por Jesús Miguel Domínguez, material escolar para familias desfavorecidas.  

Durante a reunión, o alcalde e a educadora coincidiron ca Orientadora na oportunidade que ofrece a colaboración entre institucións locais para fomentar o desenvolvemento rural e fixar aos habitantes máis novos.  

O IES Daviña Rei, ademais de ensinanzas de ESO e Bacharelato, ten unha ampla oferta de ciclos de formación profesional das familias de Sanidade, Servizos á Comunidade, Electricidade e electrónica e Transporte e mantemento de vehículos, ademais de cursos online para adultos a través da Aula Mentor.  



RELACIONADO