O ciclo Novas Músicas Galegas é unha iniciativa do Concello da Pobra do Brollón para levar aos escenarios a artistas mulleres que están a innovar na escena musical.
Tras os concertos de Catuxa Salom e Faia en xullo, o ciclo pecha a vindeira semana con Su Garrido Pombo o luns 14 de agosto e MounQup o xoves 17.
O concerto do luns 14 será na Casa da Cultura ‘Olga Novo’ ás 20:30 con Su Garrido Pombo, que interpretará temas do seu novo álbum, Patios de Luz. Este o seu segundo disco é unha homenaxe á vida en comunidade, cunha mestura moi persoal de estilos como folk, bossa nova e jazz. Un traballo polo que Su Garrido recibiu o seu segundo premio Martín Códax da Música, desta volta no presente 2023, na categoría de canción de autor.
O xoves 17 de agosto, actuará MounQup ás 22:30 na Praza da Pena, ao carón da casa do concello da Pobra do Brollón. Trátase do proxecto en solitario de Camille Hedouin, música francesa radicada en Galicia dende hai unha década. No seu terceiro e último disco Aquelarre, MounQup explora o seu vínculo coa natureza galega a través dunha mestura catártica de electrónica, folclore e experimentación.
O ciclo Novas Músicas Galegas é financiado pola subvención Territorio Cultura, xestionada pola Xunta de Galicia a través da Agadic, ao amparo do Mecanismo Europeo de Recuperación e Resiliencia dos Fondos Next Generation.
Ambos concertos son de entrada libre. A información da programación cultural do Concello da Pobra do Brollón pódese consultar nas redes sociais (Instagram - @guimaralia e Facebook - Concello A Pobra do Brollón) e na axenda da nosa páxina web (concellodapobradobrollon.gal/axenda).