A terceira Foliada Guímara será na Ferreirúa

A terceira Foliada Guímara será na Ferreirúa

16 January 2020/concello/Cultura

O próximo venres 24 terá lugar a terceira foliada do ciclo organizado polo Concello da Pobra do Brollón e a Escola municipal de Música ‘Samoeiro’, en colaboración coas diferentes asociacións veciñais do Concello.

Esta terceira Foliada Guímara será o venres 24 a partir das 21:00 horas no local social da Ferreirúa (coordenadas: 42.59923, -7.39101), en colaboración coa Asociación Veciñal desta parroquia. Como nas anteriores dúas foliadas, haberá barra e tamén ofrecerase caldo. Nesta edición, para fomentar unha festa libre de lixo, anímase aos asistentes a levar dende casa o seu vaso, e tamén unha cunca e culler para o caldo. 

As Foliadas Guímaras xorden co obxectivo de, primeiro, descentralizar a programación cultural do Concello para levala polas diferentes parroquias e, segundo, que os alumnos da Escola municipal de Música poñan en práctica o aprendido nas clases. 

En todo caso, son eventos abertos de participación libre e anímase a tódolos veciños da Pobra ou da contorna a achegarse. Nesta edición anúnciase que ademais da foliada haberá algunha sorpresa musical, que se desvelará a quen acuda!



RELACIONADO