A Pobra do Brollón estrea punto limpo móbil

A Pobra do Brollón estrea punto limpo móbil

21 November 2019/concello/Xeral

A Pobra do Brollón ten un novo punto limpo móbil que circulará polas parroquias do concello para facilitar a reciclaxe e o depósito seguro de residuos. A iniciativa é parte do programa muncipial ‘Menos residuos, máis vida’, e realízase co apoio da Consellería de Medio Ambiente da Xunta, e do Feder. 

A presentación do punto limpo realizouse o sábado 16 nunha charla na que ademais, compartíronse datos sobre a recollida de lixo e fíxose balance do plan de compostaxe comunitaria do Concello.

Na charla estiveron presentes o alcalde, Xosé Lois Maceda; o concelleiro de medioambiente, Ricardo Rodicio; e a técnico de medio ambiente, Elvira Martínez. Ademais, contou coa participación do vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, e dous expertos do plan Revitaliza: o asesor Carlos Pérez e Manuel Enrique, un ‘mestre composteiro’.

Un punto limpo móbil fronte á dispersión

O punto limpo móbil trátase dun remolque con compartimentos separados para depositar residuos contaminantes como tubos fluorescentes, aceito usado, aerosois, envases de pintura, pilas e medicamentos caducados, entre outros. O remolque circulará polas diferentes parroquias para o uso dos veciños.

‘Nun concello como o noso, no que hai unha dispersión da poboación enorme, este punto limpo móbil é moi necesario. Contamos con que a partir de xaneiro o punto limpo móbil xa estea en circulación,’ comentou Ricardo Rodicio na presentación. 

Concello pioneiro na xestión de residuos

O punto limpo móbil súmase a outras iniciativas xa implantadas no Concello da Pobra do Brollón, como a compostaxe comunitaria. A compostaxe é a maneira de converter os restos vexetais e de comida en fertilizante natural (compost). Ademais dos enormes beneficios medioambientais da compostaxe, tamén supón un aforro económico na recollida e tratamento do lixo e na compra de fertilizantes.

O Concello da Pobra do Brollón conta dende marzo de 2018 con seis composteiros comunitarios para uso dos veciños. Dende entón recolléronse na capitalidade 6000 kg de residuos orgánicos e xerouse – ademais do xerado polos composteiros individuais do plan – 1500 kg de compost, parte do cal repartiuse aos veciños asistentes no acto do sábado.  

Grazas á compostaxe comunitaria, na Pobra do Brollón reduciuse en máis de 20 toneladas a cantidade de lixo da bolsa negra, segundo os datos ofrecidos por Rodicio. Isto implica unha gran redución do impacto medioambiental e un aforro en costes de recollida de lixo. 

A este respecto César Mosquera, vicepresidente da Deputación de Pontevedra e responsable do modélico plan de compostaxe Revitaliza, dixo que a xestión de residuos da Pobra do Brollón é unha experiencia única da provincia de Lugo e que vai na liña marcada pola Unión Europea que obrigará a que en 2020, a metade dos residuos municipais sexan reutilizados ou reciclados. 

De esq. a der.: Elvira Martínez, César Mosquera, (vicepresidente da Deputación de Pontevedra), Xosé Lois Maceda, Ricardo Rodicio, Manuel Enrique (un ‘mestre composteiro’ do plan Revitaliza) e Carlos Pérez (asesor do plan Revitaliza).
De esq. a der.: Elvira Martínez, César Mosquera, (vicepresidente da Deputación de Pontevedra), Xosé Lois Maceda, Ricardo Rodicio, Manuel Enrique (un ‘mestre composteiro’ do plan Revitaliza) e Carlos Pérez (asesor do plan Revitaliza).

 



RELACIONADO