Os veciños da Pobra, máis cerca de Santiago polo Camiño de Inverno

Os veciños da Pobra, máis cerca de Santiago polo Camiño de Inverno

30 October 2019/concello/Xeral

O derradeiro domingo de outubro completouse a primeira fase da actividade ‘Coñece o teu Camiño, paso a paso’: unha proposta para realizar o Camiño de Inverno, organizada polo Concello da Pobra do Brollón a través do plan ‘O Teu Xacobeo’ da Xunta.

En dez domingos, os veciños guímaros participantes percorrerán o Camiño de inverno dende Nocedo (Quiroga) ata Santiago de Compostela. En setembro e outubro completáronse as primeiras cinco etapas ata Rodeiro, provincia de Pontevedra. As cinco restantes, entre Rodeiro e Santiago, faranse en marzo do ano próximo. 

Nesta primeira fase, participou unha media de 40 persoas en cada ruta; a maioría veciños da Pobra ademais dalgúns participantes do concellos limítrofes. ‘Consideramos a acollida un éxito e vai na liña na que levamos traballando uns anos xa para potenciar o Camiño de Inverno como un dinamizador económico do noso Concello. Como parte desta estratexia tamén estamos procurando a creación dun albergue na Pobra para fomentar que os peregrinos paren e que o Camiño teña máis repercusión na nosa comunidade’, comenta o alcalde Xosé Lois Maceda. 

As rutas son gratuítas e inclúen o bus de ida e volta, guía oficial e unha visita de tarde a algún lugar de interese na zona próxima ao final de cada etapa. Nas primeiras cinco rutas visitouse a Igrexa de San Miguel de Eiré en Pantón, o Ecomuseo de Arxeriz, o Pazo de Sabadelle e a Igrexa de Ventosa, unha xoia descoñecida da escultura medieval.

As persoas empadroadas no Concello teñen prioridade, aínda que a participación tamén está aberta a persoas non empadroadas ata completar as prazas do bus.



RELACIONADO