Milladoiro será cabeza de cartel na sexta edición de 'As Cores de Outono'

Presentación As Cores do Outono A Pobra do Brollón

Milladoiro será cabeza de cartel na sexta edición de 'As Cores de Outono'

20 August 2019/concello/Cultura

Ver o programa e info práctica aquí

Onte presentouse o cartel dunha nova edición de As Cores de Outono, festival de música folk que se vén celebrando dende hai seis anos na Pobra do Brollón. Este ano o evento será o sábado 14 de setembro e está encabezado pola afamada agrupación de música tradicional, Milladoiro.

O festival está promovido polo Concello da Pobra do Brollón coa colaboración da Deputación de Lugo, a través do seu Plan Único de cooperación cos concellos. O cartel do que será a sexta edición do evento foi revelado esta mañá coa presenza de representantes de ambas institucións. O acto de presentación realizouse no centro da Pobra, na área recreativa de Samugueiros, que é tamén o lugar de celebración deste festival gratuíto convertido en cita musical de referencia no outono lugués.

‘Estes seis anos demostran que é un festival consolidado, cun número de persoas seguidoras que cada ano acoden a este espazo natural tan marabilloso a desfrutar duns concertos que representan a nosa cultura e idioma’, declarou a vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro.

O alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda, comentou ao respecto: 'Este festival é un referente non só na provincia de Lugo, senón tamén en Galicia. É unha aposta que facemos para dinamizar economicamente o noso concello a través da cultura e o turismo; unha liña na que levamos traballando dende hai tempo e na que estamos inmersos na actualidade, por exemplo co ciclo de concertos Cos Pés na Terraza e o apoio ao proxecto do Castro de San Lourenzo.’


De esq. a der. Ricardo Rodicio (concelleiro de Cultura), Efrén Castro (Diputado provincial pola BNG), Maite Ferreiro (vicepresidenta da Deputación), Xosé Lois Maceda (alcalde) e Josefa Rodríguez (concelleira)

Milladoiro, cabeza de cartel

O festival celébrase en horario de tarde-noite. Arranca ás 19:30 co espectáculo familiar ‘Concerto singular’, unha comedia musical e xestual da compañía Píscore, gañador do premio do público no Festiclown 2018.

A partir das 21:00 comezan os concertos. Empeza o músico ourensán Magín Blanco, cun espectáculo para público familiar. Fará un repaso a súa discografía coa que está a transformar a música infantil en galego, creando temas que gozan pequenos e maiores por igual. Tras Magín, falará o actor e monologuista Avelino González, o presentador este ano de As Cores do Outono, coñecido polos seus personaxes en televisión, como Miñato en ‘Padre Casares’ (TVG). Segue o emblemático Milladoiro, grupo que non precisa presentación, tras máis de tres décadas de traxectoria na música folk galega. ​Rematan os concertos as Pandeireteiras de Bouba, grupo de mozas da Pontraga (Tordoia, A Coruña) que este ano representou a Galicia no Festival Interceltique de Lorient e que levan dende o 2007 transmitindo o legado dos máis vellos cantadores e bailadores da zona.

O festival celébrase na área recreativa de Samugueiros, no centro da Pobra do Brollón (ver en Google Maps). No lugar haberá barra, postos de comida e de artesanía.

Para a sensibilización, prevención e detección de agresións machistas, tamén haberá un punto lila no lugar, a cargo da asociación FEMforte.

Ferreiro expresou a súa satisfacción co programa: ‘Esta actividade é un exemplo de como estes investimentos do Plan Único da Deputación están promovendo actividades culturais que chaman á participación de moita veciñanza e tamén a moitas persoas que veñen de fóra’.

O acto de presentación terminou cunha invitación de Maceda a vir ata A Pobra do Brollón o 14 de setembro: ‘Pensamos que vai ser un motivo para que nos visiten e compartan estes concertos con nós, os veciños da Pobra; vivir xuntos o que é en definitiva a Guimaralia.’



RELACIONADO