Arqueólogos atopan un esqueleto medieval practicamente completo no Castro de San Lourenzo

esqueleto medieval Castro de San Lourenzo

Arqueólogos atopan un esqueleto medieval practicamente completo no Castro de San Lourenzo

18 August 2019/concello/Xeral

Sae un esqueleto practicamente completo en moi bo estado de conservación na escavación no Castro de San Lourenzo, na parroquia guímara de Cereixa. Foi cara ao final da campaña arqueolóxica, que comezou o 15 de xullo e rematou o xoves 15 de agosto. A campaña estivo promovida pola asociación veciñal da parroquia, o Concello da Pobra do Brollón e a Universidade Nova de Lisboa, coa participación dun campo de traballo internacional subvencionado pola Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia.

‘A lei de Murphy é implacable. Levabamos case un mes de campaña. Pero é sempre nos últimos días dunha campaña cando sae o máis espectacular’, declara Xurxo Ayán, director arqueolóxico e investigador do Instituto de História Contemporânea da Universidade Nova de Lisboa.

Baixo a dirección de Ayán, o equipo de tres arqueólogos, unha antropóloga e 17 participantes do campo de traballo estaba a escavar unha igrexa e necrópole medievais no recinto do castro. 

No lado norte dos restos da igrexa medieval estaba a monumental tumba do esqueleto. Estes restos súmanse aos do famoso Atilano da campaña do ano pasado, mais o novo individuo está moito mellor conservado; os ósos están máis enteiros e achegarán máis información. 


A antropóloga Candela Martínez xunto ao esqueleto

Ósos cheos de datos

O esqueleto atopouse nunha tumba de lousas, sen enchido de terra. ‘Neste tipo de tumbas créase un espazo baleiro que propicia a conservación dos restos,’ explica a antropóloga física Candela Martínez. Ao levantar a primeira lousa xa se albiscou un cranio perfectamente conservado, con dentadura incluída. 

Outros ósos conservados son os coxais (da zona da pelve), que xuntos ao cranio permiten definir a idade e o sexo do individuo, aínda que de momento é pronto para valoralo. Martínez fai unha valoración moi cautelar baseada nunha primeira observación dos ósos na que comenta que é posible que o esqueleto sexa de muller.

A dentadura achega información crucial sobre a dieta. ‘Coa análise de isótopos estables pódese saber a dieta que tivo o individuo na súa infancia, a partir de se consumiu máis proteína de peixe ou de carne. Isto dá pistas da procedencia da persoa,’ explica Martínez. A primeira vista, nesta dentadura nótase un gran desgaste, o cal pode vir motivado por factores varios como a idade ou a dieta. Para ter datos máis exactos haberá que esperar aos resultados de laboratorio.

Outros datos que achegan os restos óseos están relacionados co rango de idade, patoloxías que deixaron marca nos ósos e a calidade de vida do individuo, ademais de poder obter unha datación moi precisa da época na que viviu, mediante análise Carbono 14. 

Respecto á datación, de momento o que se pode dicir é que os restos seguramente correspondan co período altomedieval. ‘Polo tipo de tumba e o contexto arqueolóxico estamos falando de entre os séculos VIII e XII, máis ben do XI ou XII’ declara Xurxo Ayán. Haberá que esperar aos resultados de análise do laboratorio para ter datos precisos. 


Contexto: O Castro de San Lourenzo

O Castro de San Lourenzo é un castro mineiro romano que foi reocupado e desocupado en sucesivas ocasións no medievo como centro relixioso. O castro ten unha localización estratéxica con gran control visual sobre os arredores e en plena ruta xacobea do Camiño de Inverno.

Esta campaña arqueolóxica trátase da quinta campaña que se desenvolve no castro. Ademais da investigación arqueolóxica, parte do proxecto implica a recuperación da memoria do lugar. Isto supuxo a recuperación da romaría de San Lourenzo: un día, o 10 de agosto, convertido en cita anual obrigatoria para os veciños de Cereixa, do Concello e doutras parroquias de arredor. 

Visitar a páxina web e o Facebook do proxecto de San Lourenzo.



RELACIONADO