Comeza a segunda edición do campo de traballo internacional no Castro de San Lourenzo

Campo de traballo castro de san lourenzo cereixa

Comeza a segunda edición do campo de traballo internacional no Castro de San Lourenzo

06 August 2019/concello/Xeral

O equipo de arqueólogos que está a escavar o Castro de San Lourenzo en Cereixa xa conta con reforzos de 14 voluntarios. Son os participantes no segundo campo de traballo que ten lugar no castro e que está financiado pola Xunta de Galicia en colaboración co Concello da Pobra do Brollón. 

O grupo de voluntarios componse dun francés, tres rusas e dez españois de diferentes puntos do Estado, ademais dos tres monitores – dous galegos e unha brasileira. Apoiarán os traballos arqueolóxicos no castro no que queda de campaña, ata o día 14 de agosto. 

Xunto ao equipo de arqueólogos dirixido por Xurxo Ayán, os participantes coñecerán de primeira man o método de escavación na área da igrexa e camposanto medievais do castro, ademais de técnicas de limpeza e procesamento de materiais.   

Ademais das tarefas arqueolóxicas, os participantes colaborarán na organización da Romaría de San Lourenzo que se celebra no castro o día 10 de agosto. Como elemento diferencial do primeiro campo de traballo do ano pasado, desta volta entre os monitores cóntase con Claudia Fidalgo, músico e bailadora que preparará aos voluntarios para realizar unha actuación o día da romaría e así divulgar a cultura musical tradicional de Galicia.

Os voluntarios, que teñen entre 18 e 30 anos, dedicarán o seu tempo libre a coñecer o Concello da Pobra do Brollón, participando nas visitas guiadas á Cova das Choias e ás adegas de Vilachá, entre outras actividades. 

‘Os participantes do campo de traballo non só contribúen enormemente á escavación no castro, tamén ofrecen outras perspectivas e axudan a promover a riqueza patrimonial que temos na Pobra do Brollón, ademais do gasto considerable que se crea nos negocios locais como na hostalería durante os dez días que pasan aquí’ comenta Xosé Lois Maceda, alcalde da Pobra.

A escavación no castro está aberta ao público. Recordamos que o Concello da Pobra do Brollón ofrece durante todo o mes de agosto visitas guiadas gratuítas nas que se explican os avances arqueolóxicos. Son os martes e xoves ás 17:00 e os mércores e venres ás 11:00. Para visitar hai que reservar no teléfono 650624828 (preferiblemente por WhatsApp). Máis información das visitas guiadas aquí.



RELACIONADO