Con motivo do Día Internacional da Muller, este venres ao mediodía concentrámonos diante da Casa do Concello da Pobra do Brollón para a lectura do manifesto na voz da concelleira de Igualdade, Noelia Besteiro:
Estou segura de que a veciñanza da Pobra do Brollón camiñamos da man na procura dunhas vidas seguras, dunhas vidas sen medo, esforzándonos por ser unha comunidade amable e libre de calquera tipo de violencia.
Imos da man procurando unha vellez agarimada, unha vida adulta plena, onde todas teñamos un emprego de calidade, unha vivenda digna e poidamos exercer unha maternidade libre e elixida, e na que todas amamemos a quen queiramos amar. Imos da man, a veciñanza toda, á procura da máxima protección da adolescencia e da infancia, porque son a semente da nosa sociedade.
Estou segura de que a veciñanza da Pobra do Brollón camiñamos da man na procura dunha vida compartida, que abrace a diferenza e a vulnerabilidade e que teña como horizonte a felicidade.
Así pois, o concello da Pobra do Brollón conmemora este 8 de Marzo, Día Internacional da Muller, reafirmando o compromiso cos dereitos das mulleres, de cara a acadar a igualdade de xénero en todos os espazos da vida política e social, reforzando os dereitos das mulleres e as nenas, para que sexan elas as protagonistas do seu presente, para que sexamos nós as protagonistas do noso presente. As protagonistas da nosa felicidade.