A auga na zona de abastecemento de Barxa de Lor xa está apta para o consumo

A auga na zona de abastecemento de Barxa de Lor xa está apta para o consumo

20 September 2023/concello/Xeral
  • Mañá xoves tamén se levantarán as restricións na zona de abastecemento de Loureiro
  • A auga viña moi turbia pola presencia de lodo a raíz dos arrastres do monte queimado

A semana pasada dende o Concello da Pobra do Brollón recomendamos non consumir a auga da billa en case unha vintena de parroquias e lugares do municipio. A día de hoxe, o servizo de auga da zona de Barxa de Lor está completamente restablecido, polo que xa se pode consumir sen risco, segundo comunicou o Concello a través dun bando

‘A partir de mañá tamén se normalizará a situación no resto do municipio ao levantar as restricións na zona de Loureiro, porque as analíticas xa están dando os parámetros óptimos para a potabilidade,’ informa o alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda. 

O problema é consecuencia das chuvias torrenciais da semana pasada, que causaron arrastres do monte, deteriorado polos incendios do ano pasado e as talas de madeira, afectando aos ríos que abastecen á Pobra do Brollón de auga. Ao parar a intensidade das chuvias, remite o problema da auga.

Dende o Concello, estase a traballar para buscar solucións a medio e longo prazo. O vindeiro luns, dende a empresa Lincold Ibérica farán unha visita para analizar a rede de abastecemento e propoñer posibles melloras. ‘A rede do concello, que herdamos de gobernos anteriores, precisa melloras estruturais complexas e custosas. Esforzarémonos en facilitalas implicando a outras institucións para evitar na medida do posible que se reproduza esta situación, da que o Concello e a súa veciñanza somos vítimas,’ declara o rexedor da Pobra.

Ademais, no próximo pleno do Concello, o goberno guímaro vai propoñer unha redución na factura da auga municipal proporcional aos días que a veciñanza estivo sen o servizo. ‘É unha medida que estivemos valorando antes de que dende a oposición se reclamase en redes sociais, e agora realizados os trámites administrativos correspondentes, poderemos facela real,’ aclara Maceda.



RELACIONADO