Volven as foliadas guímaras, que organiza o Concello da Pobra do Brollón dende o ano 2019 en colaboración cos veciños das distintas parroquias do municipio.
A primeira do ano 2023 será este sábado 11 no local social de Saa, en colaboración coa asociación veciñal desta parroquia.
O evento comezará ás 20:00 h coa actuación de Bouba, un grupo de tocadoras e cantadoras que toman o legado musical do lugar da Pontraga, concello de Tordoia, para “ser transmisoras da cultura do país e da festa ben feita”.
Para o concerto en Saa, van interpretar temas do seu último proxecto “Termando dos marcos”, centrándose no seu vertente máis festeiro e distendido.
Tras a actuación de Bouba, os veciños de Saa convidarán a un caldo, para o que piden aos asistentes ao evento levar cunca e culler. Despois do caldo, un segundo pase de Bouba abrirá paso á foliada libre.