Chega unha fin de semana de música e cine

Chega unha fin de semana de música e cine

15 September 2022/concello/Cultura

Esta fin de semana A Pobra do Brollón acolle dúas citas culturais. O venres chega á súa fin o ciclo municipal de concertos de verán ‘Cos Pés na Terraza’ co músico de blues Néstor Pardo. A segunda cita é o domingo, xa que volve o Ciclo Mestre Mateo coa proxección da película Cuñados. Ambos eventos son de entrada libre e gratuíta.

Venres de blues

Néstor Pardo, músico afincado na Coruña que con só dezanove anos liderou The Loveless Cousins. Máis tarde chegarían The Allnight Workers e finalmente Pardo, proxecto co que grava dous discos en inglés e un álbum en castelán.

Co seu último traballo de estudo e coa inestimable axuda na produción de Mario Cobo, Néstor Pardo fíxose un oco importante dentro do difícil circuíto de blues. Lonxe de ser un intérprete impersoal, en cada un dos cortes de I Got to Keep Movin´ hai unha achega íntima e orixinal.

Pardo dará un concerto este venres 16 ás 20:30 na Cantina de Julia de Salcedo. Despois do concerto a música seguirá con sesión DJ. 

A cita pecha ‘Cos Pés na Terraza’, ciclo de concertos de verán nas terrazas dos bares guímaros, organizado polo Concello da Pobra do Brollón.

Domingo de cine

Este domingo 17 ás 20:00 proxectarase na Casa da Cultura ‘Olga Novo’ da Pobra do Brollón a película Cuñados. Finalista a Mellor Longametraxe na última edición dos Premios Mestre Mateo, esta “comedia criminal” está protagonizada por actores de renome como Xosé Antonio Touriñán e Miguel de Lira.

A proxección enmárcase no Ciclo Mestre Mateo que impulsa a Academia Galega do Audiovisual. 



RELACIONADO