O equipo arqueolóxico dirixido por Xurxo Ayán está máis cerca de completar a historia do Castro de San Lourenzo en Cereixa, A Pobra do Brollón, tras rematar a que foi a oitava campaña de escavación no xacemento.
A campaña foi promovida pola Asociación Veciñal María Castaña de Cereixa co aval científico do Instituto de Història Contemporânea da Universidade Nova de Lisboa e o Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC.
Desenvolveuse do 1 ao 12 de agosto co apoio de 11 participantes do quinto Campo de Voluntariado internacional, realizado grazas a un convenio entre o Concello da Pobra do Brollón e a Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia.
Unha monumental muralla de cuarcita
O principal obxectivo da intervención foi ampliar a área de escavación entre a ábsida da igrexa e a muralla. O equipo atopou a cara interna da muralla, un muro monumental de 4 metros de alto feito cun zócalo de cimentación e cunha estrutura en talude con varios tramos diferenciados. Como particularidade, está realizada en pedra seca con coios de cuarcita, sendo un dos poucos exemplos no noroeste peninsular de murallas castrexas feitas con este material.
Aparte da monumentalidade da muralla, que tería 8 metros de ancho, chama a atención o excelente estado de conservación. “Ao longo dos novecentos anos desde que se abandona como castro ata que chega a xente medieval, foise creando unha serie de depósitos de arxila e de area que protexeron o paramento, polo que apenas hai derrubas e consérvase realmente intacto,” explica o arqueólogo director Xurxo Ayán.
Unha xoia prerromana
Ademais da zona de muralla, tamén se escavou parte de estruturas castrexas vinculadas probablemente á industria metalúrxica do ferro, unha especie de lareiras coa base feita en lousa con furados. Foi na contorna destas estruturas onde apareceron 23 doas de colar ou de pulseira, algunhas feitas en óso, outras no que seguramente sexa pasta vítrea.
“Trátase dun achado excepcional no contexto dos castros galegos. Probablemente teñamos a peza enteira e é claramente prerromano, do século II ou I antes da nosa era.” comenta Ayán con respecto á xoia.
Coñecendo a historia da vida e da morte no Castro
En canto á historia máis recente do xacemento, a época medieval, o equipo desenterrou no límite oriental da capela de San Lourenzo unha serie de tumbas infantís correspondentes ao século XII, xusto antes do abandono da necrópole.
A diferencia doutras campañas, apenas apareceron restos óseos nas tumbas, aínda que si carbóns que axudarán a datar con maior exactitude os enterramentos. Como cuestión a salientar, reutilizáronse na construción das tumbas materiais castrexas, como restos de muíños barquiformes e lousas.
A recuperación da historia do Castro de San Lourenzo completouse coa V Romaría de San Lourenzo, unha iniciativa ligada ao proxecto arqueolóxico na que se recupera a tradición de levar o San Lourenzo dende a igrexa actual de Cereixa ata o castro.
“Superamos a inercia provocada pola pandemia para celebrar con éxito esta data, que é unha parte esencial do traballo comunitario de recuperación patrimonial que estamos a facer na parroquia” comenta Xurxo Ayán.