A Xunta concreta e amplía as medidas de prevención para conter o contaxio do coronavirus

A Xunta concreta e amplía as medidas de prevención para conter o contaxio do coronavirus

16 March 2020/concello/Xeral

O domingo publicáronse novas medidas para conter o contaxio do coronavirus covid-19 e que xa están en vigor. Podes consultar o texto completo no DOG. Aquí resumimos as medidas que máis poden afectar á nosa veciñanza.

Estas medidas súmanse ás publicadas o venres trala declaración da situación de emerxencia sanitaria en Galicia e as medidas resultantes do estado de alerta decretado polo Goberno central o sábado.

As visitas aos centros residenciais de servizos sociais (como, por exemplo, residencias de persoas maiores ou con discapacidade) quedan restrinxidas agás en casos excepcionais debidamente autorizados pola dirección do centro.

En relación coa suspensión da actividade comercial, inclúense dentro das excepcións as actividades e establecementos correspondentes a bens de primeira necesidade: ópticas; a actividade das lonxas; e comercio ao retallo de ferraxería, pintura e vidro en establecementos especializados, en tanto que se trata de actividades que deben subministrar ao sector primario, gandeiro, pesqueiro e agrícola elementos necesarios para a continuación da súa actividade.

Así mesmo, o documento precisa que todos os establecementos comerciais de primeira necesidade terán liberdade horaria, para fixar sen limitacións o peche e a apertura dos seus establecementos comerciais.

Así mesmo, suspéndense as actividades económicas correspondentes a academias, autoescolas e perruquerías, con excepción da prestación a domicilio, desta últimas, para garantir o servizo. E poderá seguir realizándose o labor dos gabinetes de psicoloxía e pedagoxía.

Ante as consultas formuladas, o texto aclara tamén que poden permanecer abertas, por exemplo: actividades sanitarias e de servizos sociais -entre elas, actividades hospitalarias, médicas e odontolóxicas, asistencia en establecementos residenciais-; actividades financeiras e de seguros; actividades profesionais, científicas e técnicas; actividades administrativas e servizos auxiliares; asistencia en establecementos residenciais con coidados sanitarios; actividades de servizos sociais sen aloxamento; reparación de ordenadores, efectos persoais e artigos de uso doméstico; lavado e limpeza de prendas téxtiles e de pel; pompas fúnebres e actividades relacionadas; fisioterapeutas; e técnicos de reparación e mantemento.

Reforzaranse as medidas preventivas no centro de traballo sobre a hixiene individual e colectiva, limpeza e medidas de contacto próximo e o reforzo da protección das persoas especialmente sensibles.

Sobre a permanencia nos establecementos comerciais cuxa apertura estea permitida, deberá ser a estritamente necesaria para que os consumidores poidan realizar a adquisición de alimentos e produtos de primeira necesidade, quedando suspendida a posibilidade de consumo de produtos nos propios establecementos. En todo caso, evitaranse aglomeracións e controlarase que consumidores e empregados manteñan a distancia de seguridade de, polo menos, un metro a fin de evitar posibles contaxios. Os encargados dos establecementos e persoal de seguridade serán os directamente responsables de facer cumprir estas medidas.

No ámbito do servizo público de emprego de Galicia, e en coordinación co Servicio Público de Emprego Estatal (SEPE), adóptanse as seguintes medidas: non será necesario renovar a demanda de emprego ata o 30 de abril. Se se teñen que realizar trámites urxentes na demanda, poderán facerse a través da oficina virtual ou chamando á correspondente oficina de emprego e quedan suspendidas as citas.

Suspéndese a realización de queimas nos terreos rústicos, quedando sen efecto as autorizacións e comunicacións de queimas xa notificadas ou efectuadas. E tamén estarán permitidos os servizos que ofrecen os veterinarios.



RELACIONADO