Entre monte negro carbón, O Busto é unha illa verde na que floreceron as notas musicais de Caldo. Foi na tardiña-noite do venres dentro de Cos Pés na Terraza, ciclo de concertos nos bares guímaros.
O bar-restaurante A Mesa dos Catro Cabaleiros está situado na aldea de montaña O Busto, a contorna da cal foi afectada polo incendio forestal xa clasificado como o lume máis grande da historia de Galicia e que devastou terras da Pobra e de Folgoso.
Debido ao incendio, o concerto de Caldo – inicialmente programado para a fin de semana anterior – adiouse para o venres pasado día 29. Dende o Concello quixemos aproveitar a ocasión para publicamente agradecer a todas as persoas e entidades que colaboraron nos días críticos da traxedia.
Antes da dar comezo ao concerto, o alcalde Xosé Lois Maceda, agradeceu ás administracións que puxeron todos os recursos posibles á disposición, pero sobre todo á sociedade civil, aos veciños e veciñas que axudaron tanto nos labores de extinción como de atención ás persoas evacuadas.
“Como alcalde síntome moi orgulloso da resposta do noso pobo. Somos unha Guimaralia comprometida, solidaria.” E seguiu: “Temos que darnos os parabéns porque a sociedade se ve nas ocasións. Nesta ocasión amosamos o que somos como Pobo e a bondade que levamos dentro.”
Ás palabras de Maceda seguiron as da nosa veciña, a poeta Olga Novo: os versos do poema escrito a raíz do incendio, Chegará o día, recitados no acto do venres pola actriz Melania Cruz.
Se xa non nos cabía a emoción no corpo, a música de Caldo fíxoa rebordar, inundando a aira do Busto de compunción, mesturada coa alegría e esperanza de vernos rodeadas de comunidade e compromiso polo ben común.
Un novo caldo está a ferver. Como sociedade temos que crear a nova receita cos ingredientes da planificación forestal, das frondosas, dos cintos verdes... a receita dun novo rural habitable.
“Chegará o día en que sobre as miñas cinsas abrollará a vida.” (Olga Novo)