O Concello da Pobra do Brollón reúnese con servizos sociais e anuncia novas medidas para afrontar o coronavirus

O Concello da Pobra do Brollón reúnese con servizos sociais e anuncia novas medidas para afrontar o coronavirus

17 March 2020/concello/Xeral

O goberno da Pobra do Brollón reuniuse onte luns con traballadores de Servizos Sociais e da administración municipais e cun representante sindical pola CIG para establecer novas medidas coas que afrontar a crise sanitaria xerada por mor do coronavirus. 

Debido á situación de emerxencia sanitaria, suspéndese a maioría da actividade do Concello. A meirande parte dos esforzos centrarase nos Servizos Sociais mentres dure a crise.

‘A nosa prioridade absoluta é a saúde pública. Durante o tempo que dure esta crise, imos poñer todos os nosos esforzos en colaborar para frear a curva de contaxio do coronavirus. Debemos actuar todos e todas como unha gran comunidade’ declarou o alcalde Xosé Lois Maceda

Os servizos sociais, á disposición dos máis necesitados

Concretamente no que respecta aos Servizos Sociais municipais, mantense a atención a domicilio completo dun 42% dos usuarios: os casos máis graves de persoas moi dependentes ou sen apoio familiar. Un 24% dos usuarios seguirá recibindo asistencia, pero con menos intensidade, e un 34% deixarán de recibir asistencia ata que a crise sanitaria amaine. 

A redución de atención ao domicilio faise para evitar no posible contaxios do virus. En todo caso, as catorce traballadoras que actualmente atenden a domicilio reforzarán as medidas de hixiene cumprindo coas recomendacións establecidas, entre elas, o uso de luvas e máscaras. 

En canto a atención presencial nas oficinas de Servizos Sociais, esta debe realizarse só nos casos máis urxentes, en horario de 9:00 a 14:00. Para o resto de consultas, prégase que se contacte por teléfono (982 430 447) ou por email. Dende Servizos Sociais recordan en que todos os trámites administrativos están paralizados. O persoal de oficina fará quendas de traballo, seguindo as recomendacións xerais de evitar espazos compartidos fóra da casa.

Entrega a domicilio para as persoas máis vulnerables

Asemade, o Concello lanza a consigna de evitar que as persoas en grupos de risco saian da casa. Nesta liña, ponse a disposición destas persoas un servizo de entrega a domicilio de produtos de primeira necesidade – alimentos e medicamentos – en colaboración cos negocios locais: as farmacias Cristina Touza e Mercedes Pardo, e as tendas de alimentación Ana, Roelma e Pepita da Estación. Para usar este servizo, as persoas interesadas deben chamar ao teléfeno 650 624 828. Os pedidos atenderanse a calquera hora do día, pero as entregas realizaranse en horario de 11:00 a 15:00, salvo en casos de emerxencia xustificada. 

Precaución máxima nas oficinas municipais

Entre os traballadores das oficinas municipais tamén se fomentará o teletraballo. Como xa anunciou o goberno municipal a semana pasada, os servizos municipais de xestión catastral e atención ao público do arquitecto municipal están suspendidos. A atención ao público mantense no horario habitual, de 9:00 a 14:00, aínda que os cidadáns que acudan deben manter unha distancia mínima ao posto de traballo de 1,5 metros, e evitar tocar as mesas e mostradores das oficinas. 

En todo caso, prégase que dentro do posible se intente facer as xestións vía telefónica (982 430 001), email (urbanismo@concellodapobradobrollon.gal) ou na Sede Electrónica do Concello (https://concelloapobradobrollon.sedelectronica.es/info.0).



RELACIONADO