Este domingo celebrouse na Pobra do Brollón a primeira semifinal da iniciativa ‘Pratos e Discos’, inaugurando o plan municipal de dinamización da hostalería que se estenderá ao longo do verán.
A Cantina de Julia (Salcedo) foi o bar no que tocou a primeira rolda de semifinais de ‘Pratos e Discos’, unha iniciativa xurdida o verán pasado na que os propios veciños fan de picadiscos nun torneo no que se van enfrontando entre si.
A decisión de quen pasa de rolda tena o público asistente mediante o seu voto, emitido no mesmo lugar tras o evento. Este domingo xa saíu o primeiro finalista da edición: Mark Elo.
O seguinte pase de semifinais é este venres 4 de xuño ás 20:30 na terraza do restaurante O Fogón (Cereixa). Enfrontaranse O Engenheiro do Carro da Merda e Fridays in Crime Sound System.
A rolda de semifinais quedou pendente do ano pasado polo que estas primeiras sesións son aínda da edición 2020. A previsión é celebrar as dúas semifinais e a final desta edición na primavera, e comezar a edición 2021 no verán.
‘Trátase dunha iniciativa que incentiva o consumo nas terrazas, non só durante o evento senón tamén a posteriori,' comenta Xosé Lois Maceda, alcalde da Pobra do Brollón. ‘Ao mesmo tempo, o feito de ser veciños os que poñen a música reforza os lazos comunitarios’.
Ademais de Pratos e Discos, tamén está previsto realizar este verán concertos nas terrazas guímaras. Iranse anunciando na páxina web e redes do Concello da Pobra do Brollón.