Manifesto polo Día da Muller

Manifesto polo Día da Muller

09 March 2021/concello/Xeral

A Pobra do Brollón en igualdade

Cara a este oito de marzo a ONU emprega a pandemia como claro exemplo do valor das mulleres no futuro da humanidade, pero tamén como evidencia da persistente discriminación e vulnerabilidade que sofren por mor do seu xénero.

 Na batalla sobre o chan as mulleres levaron máis peso, en tanto que son maioría no persoal sociosanitario e que, froito da desigualdade, tamén na vida privada asumen unha carga moito maior no coidado dos menores e persoas dependentes; sinalar que as medidas para conter o coronavirus xeraron circunstancias que agravaron a maior das crueldades do machismo, a violencia sobre as mulleres.

Dende a súa orixe, a humanidade ten unha gran conta pendente co xénero feminino en materia de xustiza social. O traballo remunerado, o voto, o acceso aos estudos, a patria potestade, a independencia económica, a eliminación do delito de adulterio... Cada dereito adquirido polas mulleres tivo que vencer a oposición dun patriarcado contrario a renunciar á súa situación dominante. 

Hoxe en día as mulleres europeas teñen que traballar unha media de 53 días máis que os homes para acadar a mesma remuneración polo mesmo traballo. A brecha de abandonos e reducións de xornadas laborais para facer de coidadoras aumentou un 27% en prexuízo das mulleres, a pesar de que este sacrificio moitas veces  é solventable cunha maior corresponsabilidade dos homes ou con medidas de conciliación coma o teletraballo. Estes feitos amosan o longo percorrido que resta para acadar a igualdade de facto, mesmo na rexión do mundo con maiores logros na materia.

As melloras políticas e normativas son fundamentais para avanzar, pero para a igualdade real é imprescindible a vontade social de cambiar as cousas. E a xeración desa vontade precisa de máis acción que o clamor de un día. A mensaxe do 8M debe estar presente nas conciencias e accións de todas as persoas, entidades e institucións día tras día. Sempre.

Nese punto, en tanto que a administración local e a máis próxima á cidadanía, os concellos, neste caso A POBRA DO BROLLÓN, temos unha grande responsabilidade e potencial á hora de modelar unha sociedade evolucionada e progresista coa defensa e fomento da igualdade entre mulleres e homes. 

Entre todos debemos traballar hoxe e os 364 dias restantes do ano na concienciación dos nosos veciños e veciñas. Debemos axudar a que cada unha das rapazas e mulleres, en igualdade de oportunidades e condicións que os homes, poidan ocupar na sociedade o lugar que lles corresponde por dereito propio, e que non é outro que o que elas desexen.

 

8M


RELACIONADO