Presentamos unha programación de Nadal con propostas culturais para tódalas idades

Presentamos unha programación de Nadal con propostas culturais para tódalas idades

23 December 2020/concello/Cultura

O Concello da Pobra do Brollón presentou unha programación de Nadal repleta de espectáculos para tódalas idades.

“Ofrecemos unha completa axenda cultural con actividades pensadas para toda a veciñanza, maiores e pequenos” comenta Ricardo Rodicio, concelleiro de Cultura. 

“Por suposto cumpriremos con tódalas medidas necesarias pola situación epidemiolóxica. Insistimos en que é posible seguir apoiando o sector cultural e programar de xeito seguro,” engade o concelleiro.

O programa arranca ao grande coa proxección de Ons, poucos días despois da súa estrea en cines. Contarase coa presenza do seu director Alfonso Zarauza. Para que a experiencia sexa óptima para o espectador, instalarase unha pantalla grande e son de alta calidade. Este primeiro evento será o domingo 27 ás 19:00 no Local Multiusos de Salcedo. 

Continúa o programa de Nadal o martes 29 de decembro cun espectáculo infantil e familiar cheo de fantasía: O vixilante de soños de Ubú Teatro. Será ás 17:30 na Casa da Cultura ‘Olga Novo’.

Ao día seguinte, o día 30, haberá outro evento que poderán gozar tódalas idades: Forzu2 de Circo Chosco. Un espectáculo cun dúo de atletas que realizan trucos imposibles en forma de portés, acrobacias aéreas, malabares e lume. Será ás 17:30 no Pavillón Municipal. 

Xa no ano 2021, o día 3 de xaneiro, estará Xurxo Souto presentando o seu novo libro Pangalaica. Recortes poderosos: unha compilación de pequenos relatos ilustrados sobre as historias e as persoas que Xurxo Souto foi atopando nas súas viaxes por Galicia. O evento será ás 19:00 da Casa da Cultura.

O día 5 de xaneiro, haberá un novo espectáculo infantil de Paco Nogueiras baseado no libro-cd-dvd Brinca Vai!, editado por Kalandraka Editora. A partir das 17:30 o Pavillón Municipal encherase de cancións, animacións e interpretacións cos ritmos e rexistros máis divertidos.

A programación acaba o 9 de xaneiro na Casa da Cultura cun espectáculo pensado para público xuvenil e adulto: Divas de diván a cargo de Tarabela Creativa. Unha obra sobre a sexualidade e os desexos a través de contos interpretados por Vero Rilo, Carmen Conde e Ángeles Goás.

As obras Divas de diván, Forzu2 O vixilante de soños son financiados pola Área de Cultura da Deputación de Lugo.

Tódalas actividades requiren reserva previa, preferiblemente por WhatsApp no teléfono 650 624 828. 



RELACIONADO