Con motivo da situación sanitaria, o Concello da Pobra do Brollón viuse obrigado a suspender a edición deste ano da Feira Guímara.
A feira medieval normalmente celébrase a segunda fin de semana de xullo, pero este ano non é posible. ‘É unha decisión que tomamos con moita tristura xa que somos conscientes da popularidade deste evento entre os nosos veciños e veciñas’ comenta o alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda. ‘Pero consideramos que na actual situación sanitaria a celebración da feira é inviable e suporía un risco innecesario,’ declara.
A Feira Guímara, que conmemora a revolta dos habitantes da Pobra do Brollón contra o Conde de Lemos, adoita reunir a numerosos asistentes, tanto do municipio como doutros concellos próximos.
O goberno municipal tomou a decisión de suspender o evento nos primeiros momentos do estado de alarma xa que, pola natureza das actividades da feira, sería moi difícil garantir as medidas de seguridade e prevención necesarias. Ademais, a paralización da actividade durante o estado de alarma supuxo dispor de tempo insuficiente para a organización da edición deste ano.
‘Esperamos o ano próximo retomar a feira con renovadas forzas. Somos guímaros e guímaras... sairemos adiante!’, declara Mónica Rodríguez, concelleira de eventos da Pobra do Brollón.