O Concello da Pobra do Brollón pon en marcha os ‘Concertos na Terceira Fase’, unha proposta para os vermús dos domingos con cinco concertos a cargo de artistas locais ou estreitamente ligados ao municipio.
O ciclo comeza con Alexandro González este domingo 14 ás 13:00 horas na terraza da parrillada O Fogón, en Cereixa. O músico salcedao ofrecerá un repertorio a piano e voz con versións de clásicos de ambas beiras do Atlántico.
Os seguintes concertos serán con Samparasón na Salanova en Salcedo (21 de xuño), As Searas na Vella Taberna (28 de xuño), Garabelo no Bar Pirata (5 de xullo) e Xerezade no Primeiro de Maio (19 de xullo). Todos os concertos son de balde, previa reserva.
O ciclo, cuxo nome é un xogo de palabras coa película de ciencia ficción Encontros na Terceira Fase, trátase dunha iniciativa do Concello para apoiar dous sectores moi danados pola crise sanitaria, a hostalería e o sector cultural.
Nos eventos respectaranse as medidas e distancias de seguridade recomendadas. Os concertos serán en exterior e o público estará sentado cunha separación de dous metros entre mesas.
Para garantir as medidas é necesario reservar con antelación, idealmente por grupos para facilitar a organización das mesas.
Cada local terá unha proposta para o xantar para quen se anime a quedarse despois do concerto. As persoas interesadas en xantar poderán indicalo no momento de facer a reserva.
As reservas para o concerto de Alexandro González deben facerse no teléfono 982 430 015. Os teléfonos para reservar para os seguintes concertos publicaranse antes de cada evento.