Esta semana remataron as obras na céntrica Rúa da Peza da Pobra do Brollón. Trátase dunha zona moi transitada por albergar o Centro de Saúde así como pola proximidade á Casa do Concello.
Ademais de renovar as beirarrúas e a zona asfaltada, creáronse máis espazos peonís e de esparexemento, incluída unha pequena praza con bancos e unha fonte na intersección da Rúa da Peza coa Rúa Central. Os espazos peonís enverdecéronse con árbores e lousa tipo céspede.
‘Levabamos tempo observando a necesidade de facer unha actuación nesta zona tan usada polos nosos veciños e veciñas,’ comenta o alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda. ‘Con estas obras tratamos de humanizar o espazo público e contribuír a facer do noso municipio un exemplo de calidade de vida.’
As obras foron desenvolvidas dentro da liña de subvencións da Consellería de Medio Ambiente, Vivenda e Territorio para mellorar as infraestruturas nos concellos con menos de 50.000 habitantes.
Do total do custo da obra, un 80% está subvencionado e o 20% restante é cuberto polo Concello.