'Valdeiro eu fiquei'

'Valdeiro eu fiquei'

17 May 2020/concello/Xeral

No Día de Carvalho Calero

Por Xurxo Ayán

Aquela noite de setembro de 1936, o kilómetro 52 da estrada vella de A Pobra do Brollón a Quiroga converteuse no monte Gólgota, que en arameo significa “lugar da execución”. Aí atoparon estrados os cadáveres de Odilo o carpinteiro, dun descoñecido e de don Juan, mestre nacional de Vilachá. O funcionario que se personou no levantamento anotou na acta de defunción o elegante vestir do docente: camisa branca, garavata azul, pinzas brancas e vermellas, carpíns grises, cinto claro e un pano no peto coas iniciais J. A., letras bordadas co agarimo dunha mai ou dunha namorada. Este crime, e outros centos coma este, foron ilustrados por Castelao na súa lámina eterna “A derradeira lección do mestre”.

O feixismo tentou acabar con aquel profesorado que, dende os colexios, os institutos e as universidades crían no poder redentor do saber e loitaban pola xustiza social a través da socialización do coñecemento. Os e as que non remataron nunha cuneta foron enviados á cadea e aos campos de redención de penas para despois seren inhabilitados, obrigados a non exercer a súa profesión, o seu maxisterio, nos tempos miserentos da postguerra, nos anos da fame. Hai dous filólogos, dous amantes da palabra, que resumen no seu devalar a vesania feixista: Aníbal Otero Álvarez (1911-1974) e Ricardo Carvalho Calero (1910-1990).

A xesta de Aníbal foi maxistralmente analizada nunha biografía marabillosa da mao do profesor Xesús Alonso Montero. Aníbal Otero era un estudante de filoloxía, nado en Ribeira de Piquín, que en Madrid entrou a formar parte do proxecto para a elaboración do Atlas Lingüístico da Península Ibérica no marco do Centro de Estudios Históricos baixo o liderado de Ramón Menéndez Pidal. Aníbal fixo un excelente traballo percorrendo Galiza nos anos de preguerra coas súas fermosas enquisas, como a daquel paisano que diferencia os moros dos mouros, porque estes son os gardadores dos tesouros e os outros non, ou aquel ribeirán que sinala a diferencia entre “islas” e “illas”: as islas son as que están lonxe e as illas as de cerca. En xullo de 1936 atópase entrevistando a camponeses na rexión portuguesa do Minho e alí é arrestado pola policía lusa. O feito de levar un coche co escudo da República española xa infundiu sospeitas, pero o que lle complicou a vida de verdade foron os seus cadernos con signos estraños, a xeito de linguaxe codificada. Non era outra cousa que a transcrición fonética das verbas recolleitas cun método científico. Non había dúbida. Era un espía “roxo”. Secuestrado e transferido en Tui aos militares sublevados, librou de milagre da pena de morte e foi condenado a catro anos de cadea, que pasou en San Simón e Figueirido, entre outros cárceres. Mesmo nese contexto carcerario, as testemuñas lembran un Aníbal co seu caderno recollendo romances e verbas dos prisioneiros galegos, bercianos e asturianos. O mesmo faría pouco antes de morrer cando todo este pasado traumático se materializou nunha forte depresión que levou a internalo unha tempada nun sanatorio compostelán. Mesmo alí, enfermiño, seguía á pescuda das verbas doutros compañeiros da clínica, co seu eterno caderno de notas. Este sabio lingüista, o mellor de Galicia durante décadas, viu truncada a súa carreira académica polo feixismo e voltou á súa aldea natal onde foi todo un “labrego telúrico” que guindaba de cando en vez artigos científicos aquí e acolá. O primeiro tomo do Atlas, proxecto republicano apropiado polo franquismo, editouse a comezos dos anos 1960 coa senlleira aportación dese fotógrafo científico da Galicia rural e mariñeira de preguerra que foi Aníbal Otero, o espía da nosa lingua, da nosa identidade.

E agora imos con Don Ricardo, compañeiro de xeración de Aníbal. Carvalho Calero contaba, entre outras, con dúas virtudes: coma o mestre de Vilachá, tiña e cultivaba unha proverbial elegancia natural, que o facía fuxir de polémicas enlamadas e, doutra volta, fixo gala dunha envexábel coherencia ideolóxica. Sempre estivo onde consideraba que debía estar e ese eido non era outro có nacionalismo galego. Estivo en todas as trincheiras, como líder estudiantil na FUE (Federación Universitaria Escolar), como membro activo do Seminario de Estudos Galegos e como defensor en armas da República. A guerra civil sorpréndeo en Madrid cando estaba a preparar as famosas oposicións de 1936, ás mesmas ás que se presentou Josefina Prol, a mestra de Cereixa durante moitos anos. Ricardo é un deses galegos (canteiros, obreiros, intelectuais, seitureiros) que ingresan nas milicias para defender a capital no outono do 36. A súa formación é valiosa e remata o conflito co grao de tenente no Exército Popular. Houbo de pagar o seu compromiso coa pena de morte, conmutada por anos de prisión e inhabilitación para cargo público. A trauma da guerra foi tan grande que non foi quen de poñer por escrito a súa vivencia até 1987, cando publicou a novela “Scórpio”, galardoada con premio da Crítica da narrativa galega. Finaría en 1990.

Moitos mestres e mestras, profesores e profesoras republicanos subsistiron na Nueva España impartindo aulas de maneira case clandestina, en academias e institutos privados, ou poñendo escola na casa, como tal facía don Esteban Quiñones en Nogueiras. Ricardo nunca perdeu a decencia e mais o don da docencia, e recuperou o Don no colexio Fingoi de Lugo, un baluarte do galeguismo cultural dentro da muralla romana. Así e todo nos anos máis duros teimou polo idioma, un xeito de “significarse” que unicamente podía traerlle máis problemas. Outros en situacións moito máis cómodas facían como quen oe chover. A súa novela “Xente da Barreira” é a primeira publicada en galego no franquismo (1951).

Os aires liberalizadores que viñeron canda os XXV Anos de Paz na década de 1960 permitiron a rehabilitación dos docentes represaliados. Pola súa vez, a Lei de Prensa abriu un novo campo de xogo para publicar nas linguas vernáculas. Tamén foi decisiva a nova Lei de Educación de 1970, a que creou o EXB e o actual grupo escolar da Pobra do Brollón no Outeiro que todos coñecemos. Este novo marco permitía a aprendizaxe nos ciclos escolares infantís do que chamaban “lenguas nativas”. Todo este contexto é o que explica, en parte, o prolífico labor de Carvalho Calero a prol da dignificación do galego a través da filoloxía histórica, a lingüística e a didáctica da lingua.

O meu mellor agasallo para este Día das Letras confinado é a biblioteca de meu pai Xulio (1946-2014), filólogo, profesor de literatura, de teatro e de galego. Tras gañar a praza foi profesor a mediados da década de 1970 no Instituto Masculino de Lugo. Na súa formación influíu moito a figura do seu compañeiro de departamento, Xesús Alonso Montero. De todos os libros e folletos de papá, traio aquí dúas pezas para ilustrar o alcance da investigación desenvolta por Carvalho Calero. En decembro de 1971, organizábase no Masculino de Lugo unha Exposición Didáctica de Lingüística Hispánica, algo totalmente innovador, da mao dun grupo de profesores e profesoras, encabezados por Alonso Montero e axudados por Ánxel Fole. Os alumnos e alumnas de COU (tratados de Don e Dona) colaboraron nesta exhibición histórica na que se amosaba a realidade multicultural da península ibérica. O visitante descubría a tradición literaria do mozárabe, do aranés, do aragonés, descubría a existenza dun método radiofónico para aprender euskera e, por suposto, accedía á historia literaria do galego. Compartían protagonismo traballos de investigación sobre o galego de Luis Luciano Bonaparte (sobriño de Napoleón), do nazi Krüger e dos represaliados Aníbal Otero e Carballo Calero. 

Doutra volta, incluía dúas enquisas entre os estudantes, un cuestionario que aínda se fai hoxendía: ¿cais son as verbas máis fermosas ou suxestivas da lingua galega? Saíron elixidas morriña, xeitoso, saudade, enxebre, volvoreta, meiga, agarimo, anduriña e muiñeira. Xa vedes, todos eles nomes de portais en edificios de vivendas de calquer urbe galega, con veciños que non falan o galego nin tolos. E, ¿cuáles son las palabras más hermosas o sugestivas de la lengua castellana? Neste caso trunfaron as seguintes (atención á última): amor, libertad, paz, amistad, justicia, felicidad, casa, nostalgia, mariposa y aprobado.

Esta exposición alicerzouse na monumental investigación desenvolta por Carvalho Calero nesa década de 1960 co gallo de fornecer ao idioma ferramentas básicas coma un manual de literatura contemporánea ou unha gramática: “Gramática Elemental del Gallego Común” (Galaxia, 1966). O meu pai gardaba como ouro en pano a segunda edición (1968) deste libro. El estaba daquela estudando os últimos anos de Románicas en Barcelona. Emigrara a Catalunya canda os pais cando tiña nove anos. Cada verao voltaba a Chavaga, onde retomaba o idioma e o mundo rural da súa infancia. O marabilloso dos libros da súa biblioteca é que me permiten facer cronoestratigrafías, grazas aos recordos que se atopan entre as páxinas. Neste exemplar da gramática de Calero atopamos unha estampa do Ano Campostelano de 1970 (foi xacobeo) e unha folla manuscrita coa letra de Xulio. Daquela meu pai tiña 24 anos. Nese folio de caderno, cadriculado, papá copiou a letra de dúas cancións: “O Tren” e “Miña Maruxa”. Foran compostas por Andrés do Barro quen nese mesmo ano acadou a sona co seu álbume “O tren” (1969). Foi a primeira vez que un tema en galego encabezaba en España as listas de éxitos.

Aquel estudante de Románicas, nado na casa da Habanera en Ríos, Chavaga, non só amaba a palabra, tamén tiña unha namorada en Cereixa, unha rapaza loira, a Maruxa da canción de Andrés do Barro. O amor, o pop e a lingüística foron o cerne, o sámago e a cortiza da revalorización do galego. Na primeira estrofa de Miña Maruxa: “Cando ti me deixaches/o meu cor deprendeu a morir/valdeiro eu fiquei por tantas cousas/ que na vida che din”, a rente da verba “fiquei”, Xulio, con vontade filolóxica e moito amor, apuntou que fiquei significaba “quedé vacío”.

Xa o ves estou morrendo de amor,

non podo vivir sin ti.

Xa o ves eu teño soño meu ben 

que un dia ti voltes, ti voltes a min.

Naqueles tempos de mocedade, o amor polo galego de meu pai pasaba por Eloína, pola festiva música popular de Andrés do Barro e pola sesuda gramática de Carvalho Calero.



RELACIONADO