Recordamos os compadres e comadres tradicionais con Clarita de Basco

Recordamos os compadres e comadres tradicionais con Clarita de Basco

13 February 2020/concello/Cultura

Este xoves, repartidos por diferentes puntos do concello, poderemos admirar os Compadres. Actualmente, a maioría fanse a tamaño case natural, con roupa vella e recheos de papel. Para as caras, fotos de homes – ou de mulleres no caso das Comadres – da parroquia, asociación ou organización (o Centro de Día, o colexio...) onde se fixeron. Normalmente, representan algunha acción ou escena, e acompañados de carteis escritos, poden facer algunha crítica ou comentario social.

Porén, tradicionalmente, os compadres e comadres eran distintos. Para recordalos falamos con Clarita de Basco, natural de Salcedo, parroquia de entroideiros por excelencia. ‘Na nosa casa eramos sempre moi de carnaval... E a miña avoa era terrible... terrible! Eiquí todos.’

Clarita leva facendo estas figuras ao xeito tradicional dende sempre, e seguiu mentres o seu neto era pequeno, elaborando as comadres coas que ano tras ano gañaban o concurso do Xoves de Comadres en Monforte.


Clarita de Basco cunha comadre ao estilo tradicional feita por ela hai anos

Clarita cóntanos que os compadres e comadres facíanse sobre unha cruz de madeira. Coa palla facíanse os brazos e as pernas. E con papel enchíanse o peito, o cu e a barriga. Papel de xornais que collían onde o cura e o mestre, “que era onde estaban os periódicos”, conta Clarita. E se non había papel, facíanse con palla toda, como antigamente. 

Despois de ter o corpo, facíase a roupa con papeis, e un nabo ou unha remolacha para a cabeza, sobre a que se pintaba a cara. Nos compadres, recorda Clarita, ‘cun carbón de leña, pintábase o bigote... Iso non podía faltar... Un bo bigote!’.

As mozas e mulleres xuntábanse nas noites para elaborar as figuras e despois, o Xoves de Compadres, escondíanos dos mozos. O obxectivo das mozas era conseguir queimalos, e o dos mozos, collelos para evitar a súa queima. 

Clarita recorda todo tipo de estratexias que se inventaban: atar o Compadre debaixo da mesa (‘e entraron na casa a collelo!’), coller un Compadre por unha ventá cunha forca, escondelo debaixo do chaquetón para levalo queimar... ‘[Os homes] desconfiaban de todo o mundo! Como daquela había tantísima mocidade... Onde vían saír unha muller xa esa muller era vixiada... a ver onde ía parar e o que levaba...’ conta Clarita. 

Os compadres que non acadaban salvar, acababan no lume. E cando se queimaban ‘repicaban as campás’ comenta Clarita, e gritaban ‘Que ardan os Compadres! E vivan as Comadres! Que ardian! Que ardian os marraos! Que ardian os porcos!’

O Xoves de Comadres repetíase a xogada: os mozos elaboraban as comadres (coa axuda das maiores) e despois as mozas corrían detrás deles para collelas e evitar a queima. Aínda que Clarita recorda que as comadres ‘respectábanse moito... A xente aplaudía cando pasaban con elas’. 

Clarita este ano non fará un compadre tradicional, pero seguramente lle vexamos algún ao estilo actual. E incluso, quen sabe, quizais cheguemos ver á propia Clarita de comadre. ‘A min sempre me dicía Pichón: “Me cago en tal..! Levas tanto anos facendo compadres. Un ano vámoste facer a ti e verás como te vamos a poñer!”, pero nunca me fixeron...’ Pero para ver se esta ano toca, teremos que esperar ata a semana que vén, ata o Xoves de Comadres. 



RELACIONADO