O domingo 29 de decembro proxectarase na Pobra do Brollón O que arde, a afamada película de Oliver Laxe, nomeada a catro premios nos próximos Goya.
A proxección será na Casa da Cultura ‘Olga Novo’ e haberá dúas sesións, ás 18:00 e ás 20:00. A entrada para ver a película é solidaria: pídese un donativo dun quilo de alimentos que serán destinados a colectivos desfavorecidos do concello.
Trátase dunha das grandes propostas do programación de Nadal do Concello da Pobra. “O que arde é un filme galego con repercusión internacional e cunha temática moi acaída para a nosa realidade, o do colapso do noso rural. Para nós proxectar o filme de Oliver Laxe é un compromiso coa nosa cultura, máis tamén con crear igualdade de oportunidades de acceso á cultura para os nosos veciños e veciñas,” comenta o alcalde Xosé Lois Maceda.
Instalarase unha pantalla grande con proxector de calidade cinematográfica e sistema de audio no lugar da proxección para buscar a máxima calidade posible de imaxe e son e unha experiencia de auténtico cine.
As entradas xa se poden reservar nas oficinas do Concello ou contactando no teléfono 650 624 828 (preferiblemente por WhatsApp). Os alimentos a doar pódense entregar tamén no Concello con antelación ou na Casa da Cultura no momento da proxección.
A proxección de O que arde súmase a unha completa programación de Nadal con actividades para adultos e pequenos.