A XII Xuntanza de Veciños será o 3 de novembro

A XII Xuntanza de Veciños será o 3 de novembro

22 October 2019/concello/Xeral

A duodécima Xuntanza de Veciños da Pobra do Brollón será o domingo 3 de novembro no pavillón do colexio. A xa tradicional homenaxe aos maiores do noso Concello ten por obxectivo pasar un día de lecer e convivencia entre veciños. 

O evento comezará ás 12:30. Trala chegada dos veciños haberá unha actuación da Escola municipal de Música, seguida do xantar. A xornada rematará tralo sorteo e entrega de agasallos que será ás 17:30 da tarde.

Para o xantar hai un menú completo de empanada, polbo e carne ao caldeiro, ademais de tarta xeada, bebidas e café. 

As persoas maiores de 60 anos e os respectivos cónxuxes aínda que non superen dita idade, así como aos nenos e nenas menores de 14 anos, que estean empadroados no Concello, poden optar polo menú subvencionado (cun prezo reducido).

Aqueles que poden optar polo menú subvencionado deben presentar a carta previamente recibida por correo ordinario, no momento de anotarse á Xuntanxa.

Haberá servizo de transporte con varios itinerarios polas parroquias do Concello, ademais de servizo de taxi. É necesarios solicitar estes servizos no momento da inscrición.

A inscrición realízase na biblioteca municipal (Casa da Cultura ‘Olga Novo’) de luns a venres en horario de 10:30 a 13:30. O prazo para anotarse remata o luns 28 de outubro. Para máis información poden chamar ao teléfono 982 430 546.



RELACIONADO