A política patrimonial e cultural do Concello da Pobra do Brollón presentada como modelo nun Congreso Internacional

A política patrimonial e cultural do Concello da Pobra do Brollón presentada como modelo nun Congreso Internacional

25 April 2019/concello/Cultura

O modelo cultural da Guimaralia estará presente nun congreso en Portugal no que se debatirá sobre Patrimonio e Comunidades. O Concello da Pobra do Brollón presentará a súa xestión como modelo patrimonial para pequenos concellos rurais.

Os próximos 26 e 27 de abril ten lugar o congreso Fazer com Tod@s, na localidade portuguesa de Vila-Nova de Foz Coa. O lugar é coñecido pola existencia dunhas gravuras prehistóricas únicas, cuxo achado foi un modelo de xestión de conflito entre comunidade, patrimonio e a construción dun encoro.

O congreso, organizado pola Associaçao de fronteira para o desenvolvemento Comunitário (Ribacvdana) ten por obxecto coñecer e intercambiar diversos proxectos ibéricos modélicos na integración de Patrimonio e Comunidade.

A experiencia da Pobra do Brollón será presentada polo dinamizador turístico-cultural do Concello, Xosé Gago, que repasará o proceso dende os inicios do proxecto no Castro de San Lourenzo (Cereixa), ata a actualidade con Adegas da Memoria (Vilachá). A cuarta entrega desta serie que se estrea o xoves 25 de abril ás 20:00 h na web do proxecto e nas redes sociais, proxectarase tamén neste congreso internacional.

Alcalde da Pobra, Xosé Lois Maceda sinala que “para nós é un orgullo que se empregue o que estamos a facer como un modelo. Non é habitual que un Concello das nosas características faga unha aposta tan clara polo seu patrimonio cunha visión comunitaria. Que nos chamen dun evento destas características axúdanos a recuperar a perspectiva do que estamos conseguindo coa implicación da veciñanza”.

No Congreso tamén participará o arqueólogo guímaro, Xurxo Ayán, que presenta o proxecto relacionado coa Memoria Histórica que levou a cabo en Cambedo, na raia portuguesa.



RELACIONADO