A potenciación dos recursos propios foi un dos obxectivos principais do equipo de goberno da Pobra do Brollón neste 2018. No verán desenvolvéranse as visitas guiadas ao Castro de San Lourenzo, Cova das Choias, polos tempos de María Castaña, Vilachá e Repil, a fuxida dun guerrilleiro.
Nos meses de finais de ano, máis complicados climatolóxicamente e onde a xente se anima menos a saír da casa, o Concello desenvolveu unha serie de propostas que contaron cunha moi boa participación e deixan un balance moi positivo como explica o alcalde, Xosé Lois Maceda, “O balance é positivísimo. O máis importante é crear comunidade de xente que aposta polo desenvolvemento da cultura e do turismo. Conseguimos implicar á xente e que aposten e colaboren. Estes proxectos deben de xurdir de abaixo cara arriba, contando co concello para desenvolvelos e eso estamos facendo na Pobra e por eso funcionan, porque a xente se implica. Isto vai a quedar aí, goberne quen goberne e están pensadas para autoorganizarse”.
As andainas outonizas “Camiñando da man de…” foron un auténtico éxito, contando cunha media de 40-50 persoas por andaina. “Non só era camiñar e contemplar a paisaxe,… era vivila, da man de veciños que coñecen os lugares e que contaban as súas experiencias. As 7 andainas foron moi boas experiencias, ademais da ruta, contábase sempre para rematar cun taquete, e estas cousas dinamizan tamén a economía local”, apunta o alcalde.
Seguíronse desenvolvendo visitas guiadas a dous recursos moi importantes para o concello como son a Cova da Choias e o Castro de San Lourenzo, era a proposta dos sábados coas Visitas Outonizas.
Outro ingrediente destes últimos meses do ano foi o Ciclo de Cinema Galego que tiña lugar os xoves de novembro e que contou cunha media de 50 asistentes ás proxeccións seguidas de debate con alguén da película protagonista.
Os Venres Caninos foi outra proposta que se consolida, de feito esta cita mantense para os próximos venres. Entre 10 e 15 persoas de todos os concellos da comarca acuden cada venres a esta iniciativa.
O I Recital de Poesía “Tinta da Terra”, a fin de semana adicada á Memoria Histórica con representacións teatrais vinculadas a esta temática foron outras das propostas deste outono inverno no Concello. Nestes días celebrouse tamén o Concurso de Tapas (cuxos premios recaeron en 1) A Salanova, 2) O Fogón, 3) La Vieja Taberna) e a VIII edición dos Cantos de Taberna. Esta cita foi o pasado sábado, superando todas as expectativas. “Os Cantos de Taberna fixéronse nos locais que participaron no Concurso de Tapas, isto dábanos 3 escearios, a capitalidade municipal, Salcedo e Cereixa. Os tres puntos estiveron cheos de xente desde as 17.00 ata ben entrada a noite”, comenta o alcalde, Xosé Lois Maceda.
O equipo de goberno asegura que desde o punto de vista turístico o concello é cada vez máis coñecido e as expectativas de cara o futuro son moi boas, tendo en conta as peculiaridades paisaxísticas e etnográficas do Concello da Pobra dentro do territorio Ribeira Sacra e como un dos treitos do Camiño de Inverno. “Este ano puxemos en marcha o albergue solidario para peregrinos e estamos satisfeitos porque se automantén, a xente é xenerosa cando lle das un servizo que soluciona as súas necesidades,” sinala o alcalde.
Xosé Lois Maceda destaca que neste ano nova xente comezou a vivir na Pobra do Brollón, media ducia de familias, máis da metade unifamiliares. Tamén se nota un incremento no visitante das fins de semana, tanto turistas que veñen de fóra como a propia xente do concello que vive fóra e que agora aproveita as fins de semana para pasalas no concello, “non só para vir xunto da familia, senón pola oferta de lecer coa que agora poden gozar na Pobra do Brollón, ofrecémoslles algo que facer”, sinala Xosé Lois Maceda.