O Grupo de Desenvolvemento Rural Ribeira Sacra – Courel, ao que pertence o concello da Pobra do Brollón, está a desenvolver nos diferentes concellos do grupo unhas xornadas avanzadas ao coñecemento do viño.
No concello da Pobra a actividade desenvolverase este venres día 30 e o luns 3 de decembro na casa da cultura Olga Novo. O día 30 entre as 20.00 e as 21.30 comezarase falando dos defectos do viño, como recoñecelos, previlos e correxilos; entre as 21.30 e as 23.00 abordaranse as variedades minoritarias en Galicia, a súa descrición, características enolóxicas e a súa importancia na Ribeira Sacra. Rematarase cunha cata de viños de castes minoritarias, 4 brancos e 5 tintos.
Xa o luns día 3, entre as 20.00 e as 21.30 falarase do uso de madeira no viño, as barricas, os distintos tipos de madeira utilizada, a importancia das barricas de carballo e a crianza de viños. O punto e final a estas xornadas porase cunha cata de viños da Ribeira Sacra, 7 crianzas e 7 barricas, que se desenvolverá entre as 21.30 e as 23.00.
Para participar na actividade é necesario inscribirse cun mensaxe privado ao Facebook do GDR Ribeira Sacra Courel ou cun correo electrónico a grupogdr8@yahoo.es.