O concello da Pobra do Brollón celebra este sábado, 7 de xullo, a V edición da Feira Medieval Guímara. Acto en lembranza da revolta desenvolta pol@s veciñ@s da Pobra contra o Conde de Lemos cando quixo cobrar impostos a este territorio, sen ningún tipo de dereito sobre el. Cóntase que os homes e mulleres de Brollón resistiron ás tropas do Conde, que finalmente derrotou aos veciñ@s. Despois deste feito os habitantes da Pobra foron chamados Guímaros, que significa: rudos, valentes e desconfiados.
A cita festiva abrirase ás 11.30 co pregón a cargo do escritor Lois Diéguez. Ás 12 farase a representación da revolta, seguida de exhibición de cetraría e demostración de oficios tradicionais que este ano se centrarán no ferro, cuxa explotación estivo sempre moi vencellada ao concello.
Ás 13.00 haberá pasarrúas a cargo do grupo de gaitas “Alecrín” e ás 14.00 celebrarase o xantar popular no campo da feira, para participar débense retirar as tarxetas no restaurante Avenida.
A xornada de tarde abrirase ás 17.30 coa actuación do paiaso malabarista “Isla Letrisca”. Ás 18.30 seguirán as demostracións de oficios e xogos tradicionais. Ás 19.00 teremos tiro con arco e ás 20.00 nova sesión de cetraría. O grupo “Euforium” actuará ás 21.00 e a partires das 23.00 celebrarase o fin de festa con queimada popular a cargo de “Queimán e Pousa”.
Desde o concello convídase a veciñ@s e visitantes a participar desta cita.