Todo preparado para a undécima edición da Feira Guímara este sábado 11

Todo preparado para a undécima edición da Feira Guímara este sábado 11

10 July 2026/concello/Cultura
  • A Feira arranca ao mediodía co pregón de Manuel Leiras e a representación da revolta guímara
  • A programación continuará ata a noite con música, xogos populares, narración oral e moita artesanía

A Feira Guímara conmemora por undécimo ano a revolta dos habitantes da Pobra do Brollón contra as inxustizas do Conde de Lemos en tempos medievais. O evento é organizado polo Concello da Pobra do Brollón con apoio da área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

Desenvólvese no campo onde antigamente tiñan lugar as feiras da Pobra, ao carón do río Rubín. Dende a organización, anímase aos asistentes a acudir á feira caracterizados de época, particularmente de labregos e labregas de época medieval.

A xornada arranca ás 11:30 horas co pregón a cargo de Manuel Leiras Camiño, historiador oriúndo da Pobra do Brollón. Seguidamente, ás 12:00, terá lugar a representación da revolta guímara a cargo da rapazada, aínda que se anima a todo o mundo a participar alentando a revolta.

Tras o remate da representación, dará comezo un vermú animado por The Tetas' Van, banda que cumpre 15 anos facendo pop e rock con pulso feminista e moita forza escénica.

Paralelamente, entre as 12:00 e as 16:00 h, haberá unha demostración de oficios tradicionais – cestería, torno de madeira e cantería – a cargo do Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) de Lugo.

Ademais, ao longo do día estarán abertos máis de vinte postos de artesanía e produto local, con propostas moi variadas que inclúen mel, cosmética natural, téxtil, xoiaría, coiro, olería e madeira.

Para a hora de xantar, instalaranse mesas de uso libre baixo a sombra das árbores, coa idea de que os asistentes leven a súa propia comida a modo de romaría. Tamén haberá postos de polbo e da cooperativa Tres Fuciños, ademais de doces, filloas e queixos artesáns.

Despois do xantar, a programación continúa ás 17:00 con xogos populares. Haberá xogos como a chave ou a ra para quen os queira probar, e tamén se organizará un concurso con categorías infantil e adultos. As persoas interesadas en participar no concurso poden anotarse previamente o propio día da feira

Ás 20:30 comezará o espectáculo infantil 'Chafallas, a vendedora de fume', unha proposta de Cris Collazo (A Cova das Letras) que bebe da esencia dos contos e cantigas tradicionais galegos e portugeses.

A festa continuará pola noite cunha sesión de éxitos musicais a cargo do guímaro DJ Vizcaíno.

Toda a programación pódese consultar nas redes sociais e na web do Concello da Pobra do Brollón.



RELACIONADO


Outras Novas