Esta Semana Santa coñece a Ribeira Sacra guímara

Esta Semana Santa coñece a Ribeira Sacra guímara

18 March 2024/concello/Xeral

Esta Semana Santa coñece a Ribeira Sacra guímara a través do programa de visitas guiadas do Concello da Pobra do Brollón.

Do sábado 23 ao domingo 31 de marzo, ofrécense dúas visitas guiadas, que se poden combinar con dúas ‘experiencias vitivinícolas’, todas na parroquia de Vilachá de Salvadur.

Tanto para as visitas guiadas como para as experiencias de viño, é preciso un mínimo de 5 persoas. É necesario ter vehículo propio. Para máis información e reservas, hai que contactar por chamada ou WhatsApp no teléfono 650 624 828.

Visitas guiadas pola ribeira guímara

Dentro do programa de visitas guiadas, totalmente gratuítas, ofrécese unha ao xacemento arqueolóxico de Os Conventos, un lugar excepcional para entender a evolución histórica da paisaxe da Ribeira Sacra. 

Foi en Os Conventos, no marco do proxecto Adegas da Memoria, onde se realizou a primeira datación por Carbono-14 para saber con exactitude científica as orixes das terrazas vinícolas da ribeira.

A outra visita guiada é un ‘paseo entre pataos’, entre as viñas da ribeira do Eivedo, onde os visitantes poderán coñecer a viticultura tradicional, a historia da Ribeira Sacra e lendas da zona. 

Experiencias de viño da man de veciñas e veciños

As visitas guiadas son combinables con unha, ou dúas, experiencias vitivinícolas. As experiencias de viño teñen un custo de tres euros por persoa, que inclúe unha cata de viño.  

Por un lado, coincidindo co comezo da tempada de furanchos, a experiencia do Furancho O Currio, o primeiro local deste tipo da Ribeira Sacra. Os visitantes tomarán un viño de Pedro na súa adega-furancho situada na aldea de Trasmonte.

Por outro lado, a experiencia Val do Frade, unha adega que fai viños con Denominación de Orixe no propio conxunto de adegas tradicionais da Abelaira, en Vilachá. Xunto coa adegueira Puri, os visitantes poden dar un paseo polas adegas medievais e coñecer por dentro unha delas para probar o viño.



RELACIONADO