Xurxo Fernandes, Mondra y Abril en la novena edición del festival As Cores do Outono

Xurxo Fernandes, Mondra y Abril en la novena edición del festival As Cores do Outono

05 September 2023/concello/Cultura
  • Celébrase do 22 ao 24 de setembro con música, teatro, circo e obradoiros 

O Concello da Pobra do Brollón desvelou hoxe o cartel da edición 2023 de As Cores do Outono, festival de música galega de raíz de referencia no sur de Lugo. O festival está organizado polo Concello da Pobra do Brollón e conta con financiamento da Deputación de Lugo a través do Plan Único.

Os concertos son o foco do festival, este ano con tres propostas buscan adaptar a tradición mediante o diálogo con outras culturas, ritmos e instrumentos: Mondra, Abril e Xurxo Fernandes co seu espectáculo Levaino!.

O escenario musical estará na área recreativa Samugueiros, onde tamén haberá postos de artesanía, comida e bar. Hai prevista unha carpa en caso de chuvia. 

Ademais, este ano haberá un Punto Violeta atendido por persoal de Servizos Sociais do Concello e pola concelleira de Igualdade, Noelia Besteiro. No posto ofrecerase información, acompañamento e apoio en relación a calquera tipo de agresión machista. 

Protagonistas musicais

Os tres concertos terán lugar o sábado 23 a partir das 21:00 h na área recreativa Samugueiros. O cartel está encabezado por Xurxo Fernandes quen presentará xunto coa súa banda o espectáculo ‘Levaino!’, unha suxerente viaxe entre Galicia e o Mediterráneo oriental a través da creación popular colectiva.

Abrirán os concertos Abril, trío vigués de violín, pandeireta e guitarra clásica que interpretan melodías tradicionais galegas e tamén do resto da península arranxadas e mesturadas con ambientes sonoros máis actualizados.

Tras Abril e Xurxo Fernandes, a sesión de música rematará con Mondra e a súa proposta renovadora que mestura a tradición coa electrónica e o baile contemporáneo. Os concertos contarán con presentación a cargo das Brindeiras da Guimaralia.

A programación do sábado compleméntase cuns obradoiros de baile a cargo de Ruth Pérez. Serán na Praza da Condesa, no casco medieval da Pobra do Brollón, e haberá dúas quendas: de iniciación ás 18:00 h e de perfeccionamento ás 19:00 h. 

Teatro e circo para enmarcar As Cores

A programación de As Cores do Outono comezará o venres 22 cun espectáculo de circo para todos os públicos, Autoestopista galáctico da compañía Pistacatro. Un show de ciencia ficción, clown e transformismo, repleto de personaxes cómicos dotados de poderes que desafían a lei da gravidade.

O espectáculo será ás 20:00h no anfiteatro da área recreativa de Samugueiros, ou na Casa da Cultura ‘Olga Novo’ en caso de chuvia. Antes do circo, ás 18:00 horas, haberá na Casa da Cultura unha charla sobre crianza e sexualidade, enmarcada no programa Ler conta moito da Xunta de Galicia.

Trátase dunha actividade pensada para familias, persoas coidadoras, con tutela ou ámbito profesional vinculado ás crianzas, onde poderán aprender, cuestionar e resolver dúbidas afectivo-sexuais a través do acompañamento profesional, nun espazo seguro e libre de xuízos. 

O domingo ás 19:00 na Casa da Cultura rematará o festival co espectáculo teatral O Auto do Castromil, da compañía Excéntricas en coprodución con Centro Dramático Galego e dirección de Quico Cadaval. 

A obra foi escrita por Manuel María e está protagonizada por un luxoso elenco formado por Rocío González, Victor Mosqueira, Marcos Orsi e Patricia Vázquez. Eles serán os encargados de levar ao público por unha viaxe onírica abordo dun coche de liña ‘a través da curiosa historia da Galiza’.

O Auto do Castromil chega á Pobra do Brollón a través da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.



RELACIONADO