A Escola municipal de Música 'Samoeiro' estrea novo edificio

A Escola municipal de Música 'Samoeiro' estrea novo edificio

07 February 2023/concello/Xeral

A Escola de Música municipal ‘Samoeiro’ da Pobra do Brollón xa conta con nova sede, con tres aulas moi grandes e luminosas para desenvolver a súa actividade, e mais un almacén. 

A Escola leva quince anos ofertando unha ampla variedade de clases de música e baile a nenos e adultos, veciños na súa maioría na Pobra do Brollón, pero tamén procedentes doutros concellos da bisbarra.

“É un orgullo contar na Pobra do Brollón cunha Escola de Música como a nosa,” comenta o alcalde Xosé Lois Maceda. “Ten unha oferta educativa de gran calidade e variedade, sendo ademais un eixe vertebrador da comunidade guímara. Por isto merece un edificio propio onde poder desenvolver e seguir medrando a súa actividade,” engade.

Antes de contar co edificio, as clases estábanse a desenvolver na Casa da Cultura. Grazas á nova sede, agora os alumnos e alumnas contan con espazos especificamente deseñados para as aulas, e as salas da Casa da Cultura quedan máis liberadas para outras actividades. As aulas da nova Escola tamén poderán acoller outras clases que se ofertan dende o Concello, como as de ioga. 

A nova Escola sitúase nun edificio en desuso do colexio, agora rehabilitado con fondos propios e do Plan Leader para acoller non soamente a Escola de Música, senón tamén o novo albergue municipal, que unha vez rematado estará aberto na segunda planta. 

“Optimizamos deste xeito patrimonio municipal en desuso. Grazas á rehabilitación, estamos a crear nova infraestrutura para albergar actividades comunitarias e dinamizar a economía local,” comenta Maceda.

Dende a semana pasada as clases xa se están a desenvolver na nova Escola, aínda que nas vindeiras semanas seguirase a dotar a Escola de máis mobiliario e equipamento.



RELACIONADO